A nova conselleira do Mar, Marta Vilaverde, aplaude o ex conselleiro acusado de agresión sexual na súa despedida

Alfonso Vilares anunciou esta cuarta feira a súa dimisión como conselleiro do Mar logo de recibir a notificación de que está investigado por un delito de agresión sexual.
A nova conselleira do Mar, Marta Vilaverde, esta terza feira 4 de xuño. (Foto: Arxina)
A nova conselleira do Mar, Marta Vilaverde, esta terza feira 4 de xuño. (Foto: Arxina)

O conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, anunciou esta cuarta feira a súa dimisión tras serlle notificado polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que está investigado nun proceso xudicial que afecta á súa "esfera persoal", concretamente, unha denuncia por agresión sexual. Fíxoo cunha intervención ante os medios na que estivo acompañado por integrantes do seu equipo no Goberno. De feito, na primeira fileira de cadeiras da sala continua á que acolle as reunións semanais do Executivo galego no edificio administrativo de San Caetano —e na que tivo lugar a comparecencia—, sentaban directoras e directores xerais da Consellaría.

Entre os membros do departamento que aplaudiron a Vilares ao finalizar a súa intervención atopábase a que esta quinta feira ás 9.30 horas, no Pazo de Raxoi, tomará posesión como conselleira do Mar, Marta Vilaverde, que non dubidou en apoiar o que fora o seu superior malia a natureza dos feitos vinculados cunha suposta agresión sexual que o levaron a ser denunciado. Desde abril de 2024, Marta Vilaverde ocupaba o posto de directora xeral á fronte da área de Desenvolvemento Pesqueiro.

Reaccións

As reaccións á dimisión de Vilares non se fixeron esperar, mais distaron considerabelmente do apoio expresado de maneira pública pola nomeada conselleira por Alfonso Rueda. Así, a responsábel de Acción Feminista do BNG, a deputada Noa Presas, exixiu explicacións ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e cominouno a "non esconderse" ante "algo tan grave como estar imputado por una agresión sexual".

Dada a "denuncia deste calado", non se trata, a ollos da formación nacionalista, dun "asunto privado", senón dun caso público. Nesta mesma liña reaccionou, a través das súas redes sociais, Ana Pontón, portavoz do BNG, que expresou a súa solidariedade "coa vítima".

Tamén se ao respecto o PSdeG, a través dun comunicado de prensa, puxo de manifesto que o xefe do Executivo galego debe dar explicacións "claras e urxentes" ante uns feitos que "serían absolutamente inadmisíbeis en calquera persoa, pero moito máis, se cabe, en quen ostenta un cargo público". "É necesario agora que a Xustiza actúe con  todas as garantías e a máxima dilixencia", afirmaron os socialistas.

Ademais, o Movemento Sumar Galicia, nunha nota enviada aos medios de comunicación, apelou á "tolerancia cero" cos agresores sexuais, que "deben deixar todos os seus cargos e non deben estar nin un segundo máis no exercicio do poder".

O amigo co que Rueda comparte a afección á bici

O ex conselleiro, de 55 anos e veterinario de profesión, levaba apenas dous anos nun posto ao que o ascendera Alfonso Rueda, a quen o une unha estreita amizade, até o punto de compartiren con frecuencia rutas ao lombo das súas bicicletas no tempo libre. Á fronte da Consellaría do Mar, tivo que enfrontar a crise dos pellets, cuxa xestión provocou airadas protestas por parte dos grupos políticos da oposición e de rexedoras e rexedores dos concellos máis afectados pola vertedura.

Antes de ser nomeado conselleiro en substitución de Rosa Quintana, Vilares encadeara catro maiorías absolutas como alcalde de Cervo (A Mariña) e ocupara a Vicepresidencia primaria da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Comentarios