Alegacións ao Estatuto dos Consumidores Electrointensivos

En Marea pide unha estabilización de prezos que dea seguridade a industrias como Alcoa

Aposta en desenvolver unha gran convocatoria especial de licenzas de instalación ou repotenciación de parques de enerxía renovable condicionadas á contratación bilateral estábel a longo prazo con industrias electrointensivas, grupos pechados de distribución e comercializadoras do mercado doméstico.

en marea

En Marea presentou as súas alegacións ao Estatuto dos Consumidores Electrointensivos, unhas propostas nas que defende unha regulación do sector que distribúa as cargas e os beneficios entre toda a sociedade. Luis Villares, portavoz de En Marea, reclamou unha estabilización de prezos “que dea certeza ás nosas industrias, como Alcoa”, un abaratamento dos custes de produción para a industria e do prezo da luz e acabar coas portas xiratorias.

 
Pola súa banda, o deputado Pancho Casal, defendeu a necesidade dunha nova regulación que faga baixar o prezo maiorista da electricidade. “En Noruega, por exemplo, non lle teñen que dar axudas á electrointensivas porque pagan a metade ou menos que en España”, apuntou.

 Casal propuxo desenvolver unha gran convocatoria especial de licenzas de instalación ou repotenciación de parques de enerxía renovable condicionadas á contratación bilateral estable a longo prazo con industrias electrointensivas, grupos pechados de distribución e comercializadoras do mercado doméstico a prezo taxado no entorno dos 32 €/Mwh, un prezo totalmente rendible para as produtoras coas novas tecnoloxías dispoñibles.
  

Por último, Javier Arca, traballador de Alcoa de San Cibrao e número 2 de En Marea ao Congreso por Lugo falou da vertente máis social do problema, afirmando que: “En San Cibrao viven da fábrica máis de 2.000 familias. É imposíbel que na Mariña poida recolocarse a toda esa xente noutros sectores”.

Comentarios