5-A

En Marea é "a chave da derrota da dereita", di Villares

A formación nacionalista advirte de que PSOE, BNG e Podemos "non suman para unha maioría progresista alternativa a Feixoo".

villares2
photo_camera Villares, na conferencia de prensa posterior ao Consello das Mareas, este sábado (@En_Marea)

En Marea activará o seu proceso de primarias para a elección dos seus candidatos aos comicios parlamentarios do 5-A despois do 21 de febreiro, día en que se fecha o prazo para o rexistro de coalicións e, polo tanto, quedará despexada a incógnita de como concorrerá á cita coas urnas a formación que lidera Luís Villares.

Así o acordou o Consello das Mareas, máximo órgano de dirección do partido, na súa xuntanza deste sábado tras a que Villares compareceu en conferencia de prensa para pedir entendemento entre as forzas "soberanistas" e "progresistas" de cara á configuración dunha candidatura unitaria.

Villares apoiouse nas primeiras enquisas electorais para o próximo 5 de abril para afirmar que "PSOE, BNG e Podemos non son capaces de sumar" de cara a lograr "unha maioría progresista" que supere o PP de Alberto Núñez Feixoo.

"Son incapaces por si sós, necesitan doutras forzas progresistas para que a maioría social sexa tamén electoral", resaltou Villares, que subliñou a disposición do seu partido a crear unha lista unitaria do "soberanismo" de carácter progresista.

"Tiranía do 5 por cento"

Ante o vencemento do prazo para o rexistro de coalicións na vindeira sexta feira, o maxistrado lucense chamou a "continuar traballando" para "explorar alianzas con forzas soberanistas e municipalistas".

"Seguimos coas portas abertas para un acordo cooperativo e horizontal. Non admitimos vetos nin exclusións", afirmou o portavoz de En Marea, que chama ao entendemento para combater "a tiranía do 5 por cento", en referencia ao límite legal de votos para obter representación nas parlamentarias galegas.

"Somos a chave da derrota da dereita", subliñou, antes de instar a "que todo o mundo teña capacidade de diálogo e altura de miras" para "construír unha maioría capaz de ilusionar", onde "relanzar" o municipalismo "en clave de país" é "esencial".

Comentarios