Marea Atántica descualifica Mar Barcón pola súa "mochila histórica"

A concelleira Mar Barcón aparece sinalada por Marea Atlántica como o principal atranco para chegar a un acordo co PSdeG arredor dos orzamentos. José Manuel Sande, portavoz do goberno local neste asunto, apelou á "mochila histórica" da edil socialista, en alusión ao seu pasado vazquista e ao seu paso polo consello de administración de Novacaixagalicia.

Leiceaga Vilhoslada
photo_camera O portavoz do PSdeG, na compaña do parlamentar Juan Manuel Villoslada

A situación neste momento é a seguinte: o alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, encetou os trámites administrativos para se submeter a unha moción de confianza, mais ao mesmo tempo nen a Marea nen o PSdeG-PSOE dan por definitivamente rotas as negociacións.

A Marea alegou esta quinta feira que o PSOE transmitira equivocamente aos meios de comunicación os termos do principio de acordo acadado a cuarta feira após unha longa reunión de seis horas.

O PSdeG deixou entrever, en troca, que o problema non radicaba nos contidos do acordo e na súa traslaciókn á opinión pública, senón na identidade dunha das concelleiras -Mar Barcón- que tería sido elixida polo grupo municipal socialista para xerir un dos proxectos gobernamentais (o pacto consistía en que o PSdeG, sen entrar no goberno, asumiría o desenvolvimento de programas de actuación do executivo).

A equipa de Ferreiro cre inviábel un pacto que inclúa Mar Barcón porque sería votado en contra pola Asemblea da Marea Atlántica, o órgao que, en última instancia, tería de refrendar o acordo.

José Manuel Sande, concelleiro de Cultura e portavoz do goberno neste asunto, foi esta sexta feira abondo claro ao se referir á "mochila histórica" da concelleira, símbolo do último reducto do vazquismo na cidade e integrante no seu día do consello de administración de NCG que aprobou as multimillonarias prexubilacións dos seus directivos.

En todo caso, ninguén quer fechar a porta definitivamente a novos contactos que impidan en última instancia que o concello se vexa abocado a unha cuestión de confianza.

As tensións entre Marea Atlántica e PSdeG produciron xa reaccións no taboleiro político galego. Leiceaga desprazouse á Coruña para, en conferencia de imprensa, considerar unha "oportunidade perdida" a rotura do principio de acordo alcanzado a cuarta feira. O portavoz do grupo parlamentar socialista tamén criticou a "tendencia" das forzas que se vinculan á nova política a vetar a persoas líderes doutras organizacións.

Por súa parte, Luís Villares, en declaracións aos meios, ofereceu un apoio sen fendas á equipa de Ferreiro: "Respaldamos totalmente a posición de Marea Atlántica pois nun proceso de negociación non se poden dar situacións que dean lugar a unha perda de confianza e separarse dos termos do acordo".

Comentarios