Máis un ataque á autodeterminación das mulleres


Baixo o pano da 'non discriminación', o ministro de xustiza, pretende impor ás mulleres a obriga de pariren e coidaren crianzas, ao tempo que o seu goberno diminúe e elimina todas as axudas á dependencia e os servizos sociais fundamentais.

As declaracións do ministro de xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, no xornal ultra conservador La Razón, adiantaron unha parte da inminente (re)penalización do aborto. A nova lei orgánica que prepara o Partido Popular non só volverá á lei de 1985 senón que algúns dos supostos recollidos na mesma serán obxecto de revisión, entre eles, a posibilidade de abortar no caso de malformacións no feto. Para o ministro de xustiza, é “eticamente inconcibíbel” termos convivido tanto tempo coa lexislación de 1985 polo que a nova lei deberá garantir o mesmo nivel de protección para aqueles fetos que posúan unha malformación ou eiva.

Para Lupe Ces, militante de Mulheres Nacionalistas Galegas, “a cuestión non está nos problemas derivados de parir crianzas eivadas, senón no roubo do noso dereito a decidir como cidadás”. Segundo Lupe, a lexislación debe garantir o dereito das meniñas e meniños a naceren desexadas e non “condicionad@s pola moral” dun modelo ideolóxico –representado no goberno, que procura vestir de dereito “o que non é mais que unha imposición” e unha limitación á autonomía das mulleres para decidiren sobre o seu propio corpo.

Baixo o pano da 'non discriminación', o ministro de xustiza, pretende impor ás mulleres a obriga de pariren e coidaren crianzas, ao tempo que o seu goberno diminúe e elimina todas as axudas á dependencia e os servizos sociais fundamentais. Salienta Lupe,que as políticas regresivas do Partido Popular “condenan a moitas persoas á exclusión social”, o que reflicte unha gran “crueldade”. Tamén así, Margarida Corral, secretaria confederal de CIG-Muller, denunciou o anuncio de Gallardón ao entender que procura máis unha vez, que “sexamos as mulleres as que asumamos en solitario os coidados das persoas dependentes”, sen ter en conta a libre decisión das mulleres sobre a súa maternidade, e sen procurarlles os “servizos e a atención que requiren durante toda a súa vida”.

Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego considerou “intolerábel” o anuncio de Gallardón e a súa ameaza de retrotraer a lexislación en materia de aborto. A deputada nacionalista no Congreso d@s Deputad@s, Olaia Fernández Davila, exixíu a comparecencia do ministro de xustiza na Comisión de Igualdade para que explique dunha vez e por todas, a reforma que fará da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Libre Interrución do Embarazo. Para Davila “tanto Gallardón coma o Goberno de Rajoy quérennos levar a un tempo de involución propio do pasado, involución social, económica e ideolóxica”. As declaracións de Gallardón dan mostra do perfil ideolóxico do actual goberno español, asentado nunha ideoloxía “ultra católica, desnortada e aferrada a noutros tempos”, sentenciou a deputada nacionalista.

Así mesmo, Margarida Corral afirma que a iniciativa do goberno popular supón un paso alén “na política retrógrada e ultraconservadora do Partido Popular, non só no que ten que ver co recorte ao dereito das mulleres a decidiren libremente sobre os seus corpos, senón polo que supón a criminalización das mulleres que decidan abortar, tipificando este acto como delicto, e por tanto abocando ás mulleres á clandestinidade e  á inseguridade sanitaria e xurídica”.

Comentarios