Luz verde da Xunta ás altas automáticas despois de sete días de illamento Covid

Un intre do Consello de Goberno da Xunta da Galiza decorrido esta quinta feira, o primeiro de 2022. (Foto: Arxina)
A Sanidade centrou a primeira reunión do Executivo en 2022, que aceptou a proposta dos empresarios de automatizar as altas para os infectados con Covid-19,  entre críticas ao Goberno estatal. 

De xeito inmediato, as e os profesionais sanitarios de Atención Primaria que tramiten as baixas laborais para os casos positivos de Covid-19, xestionarán ao mesmo tempo as altas marcadas para unha semana despois, co obxectivo de garantir que as empresas saiban cando se van reincorporar as persoas traballadoras que sufran contaxios e “reducir o impacto das baixas na economía”, esgrimiu onte o presidente da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, ao anunciar a decisión do primeiro Consello de Goberno da Xunta da Galiza de 2022.

No caso de que a persoa infectada presente síntomas ao final dos sete días terá que pórse en contacto co Servizo Galego de Saúde (Sergas), sinalou o mandatario, para alongar o tempo de baixa, o que considerou suficiente para evitar que persoas que manteñan infeccións activas volvan á actividade laboral.

Recoñecendo que esta norma parte dunha solicitude da patronal, aproveitou para cuestionar que esta medida non fora aplicada a nivel estatal polo “impacto económico inmenso ás arcas da Seguridade Social” das baixas, e criticou que non se asumira ningunha resolución no Consello Interterritorial que se realizou a pasada cuarta feira.

Ao ser abordado polas arredor de mil prazas sen cubrir no sistema sanitario público galego, Feixoo reiterou que “non hai médicos especialistas en pediatría e medicina familiar para contratar”, xustificando a decisión de abrir unha convocatoria para titulados en Medicina que non pasaran o exame de Médico Interno Residente (MIR) para que se desempeñen como técnicos de saúde.

Nese sentido, tamén amparou a contratación de 85 médicos xubilados, sen explicar o motivo polo que o Sergas non lles permitiu continuar exercendo cando estes profesionais estaban en activo e amosaran esa vontade.

Rebaixa das marxes da dose de reforzo e test no ensino

Na rolda de prensa, o presidente van gloriouse da autorización enviada polo Ministerio de Sanidade pola mañá para que poidan comezar a inxectar a dose de reforzo das vacinas contra o coronavirus cinco meses despois de completar a pauta e non seis, como até o de agora.

Tras as dúbidas suscitadas polo protocolo Covid no sector da educación, fixo pública a adquisición de 50.000 test de antíxenos de saliva para os centros que comezarán a repartirse a vindeira segunda feira, co que agardan limitar a posibilidade de que xurda un gromo nestes espazos.

Fondo Covid

Durante a intervención, o líder do Executivo acusou o Ministerio de Traballo de quedar “cunha boa parte dos recursos do fondo Covid, escapando das competencias autonómicas”, ao estar transferida a xestión das políticas activas de emprego. “Entendemos que é contraria a dereito”, asegurou, sostendo que se o Estado non brinda unha resposta ao requirimento, optarán por levar o caso perante a Xustiza. Asemade, fixo fincapé no suposto repartimento de parte dos fondos acordados en beneficio de territorios gobernados polo PSOE.

Máis alá da pandemia, o Consello da Xunta tamén aprobou un paquete de 519 millóns de euros dirixido á Axencia Galega de Infraestruturas, orientado á mellora das estradas, incluíndo paradas de autobús “máis segura” e melloras na seguridade viaria, así como a dixitalización dos 5.000 quilómetros de estradas xestionadas pola Xunta até 2024, co fin de “que o coche autónomo poida ser operativo”.

Ademais, transmitiu a convocatoria de axudas por 18 millóns de euros cara a empresas e autónomos para exportar os seus produtos, dous millóns de euros para combater o “feísmo”, a aprobación dun incremento do 15% dos honorarios de persoas procuradoras e avogadas na quenda de oficio, e mais dous millóns e medio de euros para sustentabilidade das industrias ligadas a fondos naturais, como a minaría.

Ao tempo, o gabinete abriu a porta ao pagamento anticipado de até o 80% do importe das convocatorias de axudas da Xunta, porcentaxe que será definida por cada unha das Consellarías. Amais, comprometeuse a que os tempos de resolución destes expedientes sexa inferior a seis meses.