Galiza perde 6.000 sanitarios nunha década

A aprobación da oferta pública de emprego (OPE) do Goberno galego para a Administración Xeral, Educación e Sanidade centrou boa parte do Consello da Xunta decorrido nesta quinta feira, 8 de abril. Feixoo adiantou unha convocatoria total de 4.300 prazas, que o propio presidente considerou insuficiente para as necesidades do sistema.
Mobilización de traballadores e traballadoras do Sergas en defensa da estabilidade laboral, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press)
photo_camera Mobilización de traballadores e traballadoras do Sergas en defensa da estabilidade laboral, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press)

O presidente galego, Alberto Ñúñez Feixoo, deu a coñecer, tras a xuntanza semanal do seu Goberno, a convocatoria dunha oferta pública de emprego (OPE) para o exercicio de 2021 de máis de 4.300 prazas para os ámbitos da Administración Xeral, Sanidade e Educación. 

Feixoo sinalou na súa intervención ante os medios de comunicación esta quinta feira, 8 de abril, que a convocatoria de persoal da Xunta da Galiza “está topada” pola limitación legal imposta pola taxa de reposición recollida na Lei dos orzamentos xerais do Estado e chamou ao Executivo de Pedro Sánchez a “sentarse a escoitar en serio” co fin de “crear emprego estábel con vocación de permanencia".

O mandatario galego manifestou a disposición do seu Gabinete de sacar a concurso 1.600 prazas no ámbito educativo para 2021. A este respecto, detallou que, a falla de negociar cos sindicatos, na mesa sectorial de Educación, o número exacto prazas, a súa intención é “sumalas ás máis de 3.600 que quedaron aprazadas da convocatoria de 2020” por mor da pandemia e cuxos exames empezarán o próximo 19 de xuño. Neste sentido, o presidente da Xunta da Galiza avanzou que aínda que a OPE educativa que se negociará corresponde a 2021, as novas prazas non se poderán convocar até o próximo exercicio.

A Xunta só contratará 65 médicos en 2021

Feixoo comprometeu 1.215 prazas para cubrir vacantes no Servizo Galego de Saúde (Sergas). Así, 65 delas correspóndese con médicos, 60 en Atención Primaria e cinco en Atención Especializada; 604 en enfermaría e 452 en persoal de servizos. A este respecto, o presidente galego queixouse do alcance da oferta, sinalou que “en Sanidade facemos o que podemos, esgotamos a taxa máxima de reposición e sacamos o 110% das vacantes" e confesou “gustaríanos sacar máis prazas”. O reducido da oferta foi tamén criticado polas entidades en defensa da sanidade pública e polas organizacións sindicais do sector.

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, sinalou en declaracións a Nós Diario que “na última década a sanidade pública perdeu arredor de 6.000 traballadores na Galiza”. A este respecto lembrou que “en función da aplicación do disposto nos orzamentos xerais do Estado, que limitaron a taxa de reposición nas anualidades de 2012, 2013 e 2014 a 10% e en 2015 a 50%, o sistema sanitario perdeu na Galiza só neses catro 5.951 prazas”. Na mesma liña, afirmou que para cubrir as vacantes xeradas no período, “segundo as cifras calculadas pola CIG, en 2018 precisaríanse convocar 6.077 para cubrir as vacantes”.

Abuín solicitou que se contabilicen “todas as vacantes existentes no Sergas, estean ou non ocupadas por persoal interino”. Na mesma liña, a organización sindical criticou que “a Administración, un ano máis, mantén estas ofertas de emprego limitadas, e a pesar de que a pandemia veu demostrar o esencial que é para a sociedade a sanidade pública, nin sequera foi quen de trasladar ao Goberno do Estado a eliminación da taxa de reposición para o sector da sanidade”. Neste sentido, considerou “que perpetúa a temporalidade e, por tanto, a precariedade laboral na sanidade pública galega”.

“A oferta pública de emprego non dá estabilidade porque o número de prazas é moi pequeno. Existen moitos traballadores no Sergas con máis dunha oposición aprobada e que non teñen praza, o que provoca un malestar moi grande entre os empregados, que encadean contrato tras contrato, unha política que vén de denunciar a Unión Europea en relación coa queixa do colectivo de Enfermeiras en Loita”, destacou Abuín, quen lembrou que “de cara ao usuario é moi negativa a falla de estabilidade laboral porque repercute na calidade asistencial”.

O Goberno galego convocará 1.491 prazas no ámbito da Administración xeral. Segundo afirmou Feixoo, “delas, 1.006 son de libre acceso, ás que poderá acceder pola vía do concurso-oposición calquera persoa que cumpra os requisitos, e dentro destas, 155 son para o Consorcio Galego de Benestar. Ademais, hai 322 prazas para os procesos de promoción interna dos empregados públicos que se levarán a cabo en convocatorias independentes das de novo ingreso e se desenvolverán tamén a través do sistema de concurso-oposición. Finalmente, ofertaranse 163 prazas para continuar coa funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo”.

Os novos toques de recoller

Galiza avaliará a próxima semana atrasar o toque de recoller que restrinxe a mobilidade nocturna, actualmente fixado entre as 22 e as 6 horas. Será na reunión da próxima terza feira do comité de expertos que asesora a Xunta, mais Feixoo advertiu de que existen "riscos" como a introdución de "novas cepas", a "incerteza", a fin do estado de alarma e os problemas xurdidos ao redor da vacinación.

Comentarios