O Estado debe á Galiza 828 millóns dos fondos Covid

A repartición entre as comunidades autónomas realizada polo Goberno español dos fondos Covid europeos e estatais deixan a Galiza con 828 millóns de euros menos do que lle corresponden segundo o sistema de financiamento autonómico. Os cartos que pertencen á Galiza están a ir a outras comunidades.
A Galiza recibiu 5,2% dos fondos repartidos polo Estado, cando lle correspondería até 6,2% (Foto: R.Rubio / Europa Press)
photo_camera A Galiza recibiu 5,2% dos fondos repartidos polo Estado, cando lle correspondería até 6,2% (Foto: R.Rubio / Europa Press)

A Galiza recibiu 828 millóns de euros menos dos que lle corresponden, de acordo co sistema de financiamento autonómico, na repartición dos distintos fondos Covid que o Estado distribuíu até o de agora entre as comunidades.

Xa se tiña computada unha perda de 681 millóns respecto do que correspondería á Galiza por poboación axustada nos fondos Covid de 2020, no React UE, no Fondo Covid 2021 e nas axudas estatais aos sectores afectados.

Con todo, segundo os datos dun informe analizado esta quinta feira, 1 de xullo, no Consello da Xunta, comprobouse que dos 15.882 millóns de euros transferidos polo Estado ás comunidades, a Galiza tan só recibiu 5,2% do total, cando lle correspondería seguindo o sistema de financiamento até 6,2%.

Ademais, de sumar a estes fondos territorializados os recursos que se reserva o Goberno de España para a súa xestión directa, a Galiza apenas recibiu 2% do total. "Comprenderán que son datos dunha enorme preocupación que acreditan unha discriminación intensa e que lonxe de amainar, parece que se está profundando", censurou o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, na exposición destes datos que realizou após a reunión semanal do Consello da Xunta.

Tamén considerou un "paradoxo" que a "cogobernanza" consista en que a Administración Xeral do Estado "quede con 61% dos fondos europeos" e que ás comunidades se lles transfira "35%", "cando  sempre se expuxo que o sistema sería un sistema mixto a 50%. 

Autocita para a vacinación

Noutra orde de asuntos, o Consello da Xunta aprobou a conxelación das taxas universitarias para o curso 2021-2022, a creación do grao de Turismo na Universidade da Coruña e unha achega de 10 millóns de euros aos programas integrados de emprego para facilitar a ocupación de 4.000 desempregados.

Aliás, o presidente anunciou que a aplicación Autocita para que os menores de 30 anos se anoten para a vacinación estará dispoñíbel a 5 de xullo. 

Comentarios