A ministra de Sanidade, Carolina Darias, sinalou no Consello Interterritorial de Saúde deste 11 de agosto que a situación epidemiolóxica no Estado está mellorando ao observarse unha evolución descendente, pero matizando que o descenso noutros indicadores sanitarios é máis lento.
O nivel de ocupación hospitalaria sitúase no 8,5%, unha cifra que se eleva no referente ao grao de ocupación das Unidades de Coidados Intensivos (UCI), que se atopan no 21,5%. No que atinxe á este último indicador, a ministra estimou que ao longo desta semana acadará o seu pico.
Tamén apuntou que con respecto ás vagas anteriores, esta quinta onda epidémica está a ser menor de xeito significativo, mais cunhas características moi marcadas debido á vacinación dos grupos de idade por riba dos 40 anos, o que deriva nunha incidencia superior nas idades entre 12 e 29 anos.
Críticas á campaña de vacinación
Segundo a información ministerial, máis do 70% da poboación recibiu cando menos unha dose dalgúns dos preparados. Coa pauta completa, estimou a cifra en máis do 60% da poboación. Ao tempo que avanza a campaña de vacinación, Darias fixo un chamamento á prudencia e a responsabilidade, como elementos clave para rebaixar a incidencia.
Asemade, anunciou que esta semana se repartirán 3.9 millóns de vacinas, incluídas as doses extra de Pfizer e Moderna, que se distribúen principalmente aos territorios que pola súa estrutura demográfica recibiran menos picadas, argumentou a ministra.
A xustificación chega despois das críticas de varios territorios do Estado liderados pola Galiza polo repartimento de vacinas, de feito, a Xunta da Galiza denunciou esta semana que o Goberno do Estado lle confirmou que só catro comunidades recibirían as picadas extra de Pfizer, entre as cales non está a Galiza.
O titular da Consellaría de Sanidade da Xunta, Julio García Comesaña, indicou que “a Galiza é solidaria, aceptamos, como non pode ser doutro modo, un axuste, pero é precisa transparencia”.
Amais, reclamou que “se elabore un documento para poder planificar e desenvolver a vacinación da maneira máis eficiente”.