Luís Villares recorrerá o seu traslado no TSXG tras ser apartado da sección que resolve sobre eólicos
O maxistrado presentará recurso ante o Consello Xeral do Poder Xudicial contra a decisión que o afasta da sección terceira do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.
O maxistrado Luís Villares recorrerá o traslado que o afasta da sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). A decisión foi adoptada pola presidenta do órgano, Azucena Recio, seis días despois de asumir o cargo. O recurso de alzada ante o Consello Xeral do Poder Xudicial foi avanzado por un portavoz da asociación progresista Xuízas e Xuíces para a Democracia, da que forma parte o propio maxistrado.
Recio xustificou o cambio coa intención de "salvagardar a imparcialidade" da sala. Con todo, esta sala do TSXG leva anos no foco de poderes económicos, políticos e mediáticos, ao considerar que sentenzas e autos adoptados pola mesma non se axustaban a dereito. En especial os que paralizaban proxectos eólicos, autos que na súa maioría foron adoptados por unanimidade e actuando como relatores diferentes maxistrados.
E é que a Asociación Eólica da Galiza (EGA) cargou en reiteradas ocasións contra resolucións do TSXG, cuestionando a legalidade das sentenzas que paralizaban o desenvolvemento de parques eólicos ou que fixaban medidas cautelares aos mesmos. Tamén a Xunta da Galiza, por medio da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, criticou o alto tribunal galego, acusándoo de facer "unha mala interpretación" das normativas.
Críticas ao procedemento
Desde Xuízas e Xuíces para a Democracia cuestionan o modo en que se tomou a decisión. Segundo o portavoz, o traslado produciuse sen consulta previa ás persoas afectadas e sen trámite de audiencia. O cambio afecta tamén a outra maxistrada e a dous maxistrados da sección cuarta. "A decisión tomouse dun día para outro", sinalan.
A entidade considera inusual un traslado forzoso destas características. Advirte ademais de que pode pór en risco a garantía constitucional de inamobilidade xudicial. "Non é descartábel que a cidadanía poida pensar que as reiteradas presións políticas e empresariais finalmente acadaron o resultado perseguido: o cambio da composición da sección do TSXG que coñece dos litixios sobre os parques eólicos na Galiza", explica a asociación nun comunicado. Así, considera que a "imaxe do Tribunal e da súa independencia queda moi afectada" e cualifican o cambio na composición de "sorpresivo e dificilmente explicábel".