Xuízas censuran que se aparte Luís Villares e advirten: "A imaxe do Tribunal e da súa independencia quedan moi afectadas"
O colectivo Xuíces e Xuízas para a Democracia emitiu un comunicado cuestionando que se apartase o maxistrado Luís Villares da sala do TSXG na que viña exercendo o seu labor, con sentencias relativas a permisos para parques eólicos concedidos pola Xunta da Galiza ou sobre o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Xuízas e Xuíces para a Democracia censurou a decisión da nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), María Azucena Recio González, de apartar catro maxistrados, entre eles Luís Villares, da Sección 3ª, encargada dos procedementos xudiciais sobre as autorizacións administrativas relativas a parques eólicos en territorio galego ou relativos ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Reprodución do comunicado de Xuízas e Xuíces para a Democracia
A Sección Terceira foi obxecto constante de presión mediática e política polas súas resolucións relativas á autorización de parques eólicos.
1.- O pasado 6 de marzo de 2026 tivo lugar, en acto público, a toma de posesión da nova Presidenta da Sala do Contencioso – Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
2.- Mediante acordos datados o 12 de marzo de 2026, unha das primeiras e sorpresivas medidas da nova presidencia da Sala do C-A (non prevista no seu programa de goberno sometido a exame do Consello Xeral do Poder Xudicial o mes pasado) foi o desmantelamento da actual Sección 3ª, que viña coñecendo dos procedementos xudiciais sobre as autorizacións administrativas relativas a parques eólicos en territorio galego, as suspensións cautelares da súa construción, e cuestións de contratación administrativa, como as que afectan a concesións hospitalarias, como a do Hospital Álvaro Cunqueiro.
3.- Tales acordos da nova presidencia da Sala do C-A apelan ás facultades gobernativas que teñen por función cuestións meramente organizativas e non poden entrar a discutir ou determinar conscientemente os criterios xurisdicionais que cada Sección poida ter adoptado. Ademais legalmente, para evitar a mera decisión unilateral, esas decisións deben atender a “criterios aprobados anualmente pola Sala de goberno” (art. 198.1 LOPJ). Non consta que a Sala de goberno do TSX de Galicia aprobase ata o día de hoxe criterios como os aducidos nos citados acordos ou, dende logo, non os publicitou.
Ante esa carencia de criterios rectos, os acordos apelan formalmente a “un crecemento profesional e unha oportunidade na carreira profesional” dos propios maxistrados/as, así como xenéricas “necesidades organizativas”.
Tamén, no caso dun maxistrado, deslízase no acordo que foron acollidas polo Tribunal Supremo tres concretas recusacións en tres concretas causas. Refire que iso podería afectar á imaxe do Tribunal. As causas de recusación apelan á relación do maxistrado cun concreto asunto e son resoltas xurisdicionalmente pola propia Sala ou polos concretos órganos chamados a coñecer dos recursos. Esas recusacións son habituais na vida normal dos tribunais. E non hai xustificación para estender o analizado respecto dun concreto asunto, a toda a materia que trata unha Sección.
4.- Estes acordos gobernativos da nova presidencia da Sala do C-A supoñen de facto desfacer a composición dun órgano xudicial que viña resolvendo asuntos de materias concretas. Afasta á metade das persoas que compuñan esa Sección. Faino mediante o traslado forzoso de sección de dous dos catro maxistrados/as que formaban parte da Sección 3ª, sendo substituídos por un novo maxistrado e unha nova maxistrada de recente incorporación á Sección 4ª da Sala do C-A do TSX.
Queremos chamar a atención do inusual dun traslado forzoso de tanta envergadura como o producido e das formas coas que se realiza.
O procedemento habitual de cambio de maxistrados entre seccións é o concurso interno voluntario cando existen vacantes. Cando a Presidencia propón unha reorganización, o normal é a consulta previa aos presidentes/as das seccións e aos maxistrados/as afectados/as. Ademais, adóitase realizar cambios puntuais de xeito individual, para evitar perturbacións no traballo ordinario da Sección, xa que o seu carácter altamente especializado impón a necesidade dun coñecemento profundo das materias que se someten a deliberación.
No caso que nos ocupa, este traslado forzoso de catro maxistrados/as afecta a composición e funcionamento de dúas das catro seccións da Sala, e foi adoptado sen audiencia previa nin consultas informais nin ás persoas afectadas nin aos presidentes das respectivas seccións.
Ningún dos catro trasladados/as ten experiencia previa nesta Sala nas concretas materias que lles son encomendadas, o que previsiblemente ocasionará nos primeiros tempos unha evidente disfuncionalidade no traballo de ambas seccións, onde resulta relevante o coñecemento normativo e xurisprudencial, e dos precedentes da propia Sección.
5.- Ao contar a Sección 3ª só con catro maxistrados/as, afastar a metade afecta directamente á continuidade dos criterios xurisdicionais defendidos e suscita serias dúbidas de que iso non estea na intención da decisión. Convén lembrar que esa Sección atendía materias de tanta transcendencia, mediática e social, como son as autorizacións administrativas relativas a parques eólicos en territorio galego, ou a contratación administrativa.
6.- Non é a primeira ocasión en que esta Sección Territorial de Xuízas e Xuíces para a Democracia, como tamén a propia Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, tivo que reclamar publicamente o respecto cara á tarefa dos integrantes da citada Sección 3ª. Todo iso ante declaracións públicas que cuestionaban o seu labor e as súas decisións ao marxe das canles legalmente previstas para combater as mesmas.
Durante os últimos meses e anos foron habituais desmedidas declaracións de determinados responsables políticos e empresariais poñendo en dúbida non só as resolucións da Sección 3ª da Sala do C-A, senón mesmo a profesionalidade dos seus integrantes.
Ante os recentes acordos e dado que os motivos formais aducidos pola Presidencia casan mal co efecto real que van producir no funcionamento das seccións afectadas, non é descartable que a cidadanía poida pensar que as reiteradas presións políticas e empresariais finalmente acadaron o resultado perseguido: o cambio da composición da Sección do TSX de Galicia que coñece dos litixios sobre os parques eólicos en Galicia.
A imaxe do Tribunal e da súa independencia queda moi afectadas. A especial transcendencia mediática e social dos asuntos dos cales viña coñecendo a Sección 3ª da Sala do C-A do TSX de Galicia, unida ao sorpresivo e dificilmente explicable cambio da súa actual composición, podería trasladar á cidadanía unha sospeita, esperamos que infundada, na finalidade perseguida pola decisión gobernativa adoptada, así como a imaxe de que o poder xudicial se estaría dobrando aos intereses dalgunhas das partes nos litixios sinalados.
7.- O art. 24.2 da Constitución recolle o dereito ao xuíz/a ordinario predeterminado pola lei, e o art. 117.1 da Constitución establece a independencia e inamobilidade dos xuíces/as e maxistrados/as.
Tales dereitos non impiden a crítica fundada ás decisións xudiciais, así como a posibilidade de utilizar as canles e recursos legalmente previstos contra as resolucións desfavorables. Pero ao tempo son unha garantía para que a cidadanía poida confiar en que os litixios non sexan resoltos por xuíces/as elixidos en función do resultado que se pretenda obter en cada caso.
O traslado forzoso e colectivo da metade dos membros da Sección 3ª pode poñer en risco a garantía de inamobilidade xudicial, ao seren apartados dos asuntos dos que están coñecendo, nun contexto de presión mediática e política continuado no tempo para que a Sección cambiase o sentido das súas decisións.
Igualmente, este movemento pode socavar a actuación independente dos membros do Tribunal, ao resultaren intimidados pola ameaza de traslados forzosos e outras represalias polo exercicio da función que teñen encomendada constitucionalmente.
8.- Ante a entidade dos feitos expostos, por esta Sección Territorial de Xuízas e Xuíces para a Democracia queremos mostrar a nosa preocupación polo risco de afectación ás garantías constitucionais de inamobilidade e independencia, e tamén reclamar aos órganos gobernativos do poder xudicial un coidadoso e prudente exercicio das facultades que teñen encomendadas. Así mesmo queremos trasladar o noso apoio aos maxistrados/as que ata a data viñeron, en circunstancias especialmente complicadas e nun contexto de reiteradas presións, desempeñando o seu labor na Sección 3ª da Sala do C-A de o TSX de Galicia.