O lobby eólico impón a súa lei no TSXG: os motivos detrás do traslado forzoso do xuíz Luís Villares
A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) leva anos no foco dos poderes económicos, políticos e mediáticos. Os mesmos teñen denunciado de forma reiterada determinadas sentenzas e autos adoptados nesa xurisdición e, moi particularmente, aqueles que paralizaban diversos proxectos eólicos que non se axustaban a dereito. Unha resolución da nova presidenta da Sala, Azucena Recio, asume parte deses argumentos e aparta da sección dous maxistrados, entre eles Luís Villares.
O pasado 26 xaneiro, o pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) escolleu como nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) a maxistrada Azucena Recio González. A escolla non estivo exenta de polémica e xerou certo malestar nalgúns sectores da xudicatura da Galiza, que consideraban que o outro aspirante ao cargo, Luís Villares, acumulaba máis méritos que a persoa finalmente elixida. Neste sentido, entendían que a resolución do órgano de goberno das xuízas e dos xuíces estaba condicionada por razóns de orde política, ligada ás responsabilidades públicas asumidas no pasado por Villares.
O pasado dous de marzo Azucena Recio tomou posesión como nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). Dez días máis tarde, 12 de marzo, Recio González acordou un cambio na composición de dúas seccións do alto tribunal agalego, que implica o traslado forzoso da sección terceira á sección cuarta de Dolores López e de Luís Villares e estabelece unha nova composición nun órgano -a sección terceira- que dilucida sobre procedementos xudiciais tan sensíbeis como as autorizacións dos parques eólicos, as suspensións cautelares destes desenvolvementos, as contratacións administrativas ou as concesións hospitalarias.
As resolucións de Recio González para o traslado forzoso de Dolores López e Luís Villares, ás que tivo acceso Nós Diario, deixan claro os motivos da decisión. Así, en relación coa primeira, a presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) expón que "se fan precisos certos cambios na composición persoal das seccións, atendendo o número de procedementos que se tramitan en cada unha delas, e por entender que a reestruturación vai reforzar o bo funcionamento da Sala". Neste sentido, o acordo asinado por Recio González responde a cuestións de tipo "organizativas".
Recio González cuestiona a imparcialidade de Villares para xustificar así o seu traslado forzoso da sección. Neste sentido, apunta que "esta Sala tivo coñecemento das sentenzas ditadas polo Tribunal Supremo, en que se considera que resultou vulnerado o dereito fundamental a un xuíz imparcial, consagrado no artigo 24 da Constitución Española, que se pon en relación coa intervención na política do maxistrado don Luís Villares". Neste punto, fai referencia a diversos autos en que Villares foi recusado a instancia dalgunha das partes do proceso, unha práctica normal e ordinaria nos procedementos xudiciais.
A nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG explica "a necesidade de modificar a composición persoal da sección terceira desta Sala e, en consecuencia, a sección cuarta", asegurando que "a finalidade última é a de salvagardar a aparencia e realidade da imparcialidade con que funciona esta Sala, composta por 18 maxistrados e maxistradas. E dentro inclúese a propia salvagarda do maxistrado cuxa imparcialidade foi sometida a valoración xudicial polo Tribunal Supremo". Nesta orientación, asume parte das críticas lanzadas contra o maxistrado desde a patronal eólica ou a propia Xunta.
A práctica totalidade dos autos ditados pola sección terceira que paralizaron diversos proxectos eólicos foron adoptados por unanimidade, actuando como relatores dos mesmos diferentes maxistrados.
Xuízas e Xuíces para a Democracia
A asociación Xuízas e Xuíces para a Democracia valorou onte a decisión, asegurando que "unha das primeiras e sorpresivas medidas da nova presidencia da Sala do Contencioso-Administrativo (non prevista no seu programa de goberno sometido a exame do Consello Xeral do Poder Xudicial o mes pasado) foi o desmantelamento da actual sección terceira que viña coñecendo dos procedementos xudiciais sobre as autorizacións administrativas relativas a parques eólicos en territorio galego, as suspensións cautelares da súa construción, e cuestións de contratación administrativa, como as que afectan a concesións hospitalarias, como a do Hospital Álvaro Cunqueiro".
"Estes acordos gobernativos da nova presidencia da Sala do Contencioso-Administrativo", sinalan desde Xuízas e Xuíces para a Democracia, "supoñen de facto desfacer a composición dun órgano xudicial que viña resolvendo asuntos de materias concretas". Nesta liña, aseguran que "afasta a metade das persoas que compuñan esa sección. Faino mediante o traslado forzoso de sección de dous dos catro maxistrados e maxistradas que formaban parte da sección terceira, sendo substituídos por un novo maxistrado e unha nova maxistrada de recente incorporación á sección cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG".
O comunicado de Xuízas e Xuíces para a Democracia concreta que, "ao contar a sección terceira só con catro maxistrados e maxistradas, afastar a metade afecta directamente a continuidade dos criterios xurisdicionais defendidos e suscita serias dúbidas de que iso non estea na intención da decisión". A este respecto, sae ao paso das consideracións emitidas sobre Villares na orde de Recio González, indicando que "as causas de recusación apelan á relación do maxistrado cun concreto asunto e son resoltas xurisdicionalmente pola propia Sala ou polos concretos órganos chamados a coñecer dos recursos" e aseverando que "as recusacións son habituais na vida normal dos tribunais".
"Ante os recentes acordos e dado que os motivos formais aducidos pola presidencia casan mal co efecto real que van producir no funcionamento das seccións afectadas", aseguran desde Xuízas e Xuíces para a Democracia, "non é descartábel que a cidadanía poida pensar que as reiteradas presións políticas e empresariais finalmente acadaron o resultado perseguido: o cambio da composición da sección do TSXG que coñece dos litixios sobre os parques eólicos na Galiza". Nesta dirección, consideran que a "imaxe do Tribunal e da súa independencia queda moi afectada" e cualifican o cambio na composición de "sorpresivo e dificilmente explicábel".
BNG
O Bloque Nacionalista Galego reaccionou ao traslado forzoso de López e Villares á sección cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG asegurando que se trata "dunha decisión absolutamente arbitraria que compromete a independencia xudicial". A este respecto, a viceportavoz da formación nacionalista no Parlamento da Galiza, Olalla Rodil, apuntou que "é evidente que xa nin esconden como o poder das eléctricas e os tentáculos do PP inxerindo na xudicatura son cada vez máis extensos".
O asalto á Xustiza da Xunta e das enerxéticas
A decisión da presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), Azucena Recio González, de apartar de modo forzoso Dolores López e Luís Villares da sección do alto tribunal galego encargado de velar pola legalidade dos proxectos eólicos xera moitas incógnitas. Malia que os motivos da resolución iranse coñecendo nos próximos tempos e as dúbidas creadas resolveranse a medida que a sección terceira coa súa nova composición comece a traballar, do que non hai dúbida é que a medida adoptada coincide coas demandas de determinados poderes económicos, nomeadamente do lobby eólico, do Goberno galego e de diversos grupos mediáticos.
A Asociación Eólica da Galiza (EGA) leva cargando desde hai tempo contra diversas resolucións do TSXG. Neste sentido, o presidente da poderosa patronal eólica galega, José Manuel Pazo Paniagua, cuestionou de forma reiterada aquelas sentenzas da sección terceira que suspendían o desenvolvemento de instalacións eólicas ou fixaban medidas cautelares ás mesmas ao existir dúbidas sobre a súa legalidade. Ao tempo, non dubidou Pazo Paniagua en denunciar a suposta parcialidade dalgúns dos maxistrados ligados a ese procedementos xudiciais.
Unha liña semellante mantivo o Goberno galego, que por boca de distintos responsábeis denunciou os autos da sección terceira do TSXG. Nesta liña, destacouse a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que chegou a acusar o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) de facer "unha mala interpretación" das normativas para decretar suspensións cautelares do desenvolvemento de parques eólicos. Neste sentido, chegou a reunirse coas autoridades comunitarias en Bruxelas co obxecto de botar abaixo as resolucións do alto tribunal galego, seguindo o camiño marcado pola patronal eólica, de cuxa directiva fixo parte a súa antecesora no cargo, Beatriz Mato.
A decisión de Recio González volve situar en primeiro plano o debate sobre o funcionamento real do poder e da capacidade dos poderes económicos, neste caso o enerxético, para condicionar as resolucións das administracións. Precisamente, as mudanzas chegan só unhas semanas despois do veto do PP á candidatura de Fernando de Abel, como adxunto á Valedora do Pobo, unha decisión onde algúns ven tamén ao lobby eólico.