Case todos os autos do TSXG que pararon parques eólicos ditáronse por unanimidade
As críticas da patronal enerxética e da Xunta contra a actuación do TSXG en relación coa eólica estiveron personificadas en Luís Villares. Porén, os autos ditados nesta materia foron acordados por varios maxistrados, en base a unha doutrina xurisprudencial previa á chegada de Villares ao tribunal.
Os cambios na composición da sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) volven pór no foco a situación dun órgano xudicial que estivo ao longo destes anos no centro da atención mediática polas reiteradas críticas aos seus autos por parte da Xunta da Galiza e de diferentes colectivos patronais, nomeadamente da Asociación Eólica da Galiza. Neste sentido, colectivos xudiciais, como Xuízas e Xuíces para a Democracia, ou formacións políticas, como o BNG e o PSdeG, alertan de posíbeis interferencias políticas e do lobby eólico na decisión da nova presidenta da Sala, Azucena Recio González, que ordenou o traslado forzoso de dous xuíces da sección terceira -que resolve sobre eólicos- á sección cuarta.
A polémica que rodea socialmente a actuación da sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG así como a orde de trasladado forzoso deses dous xuíces, Dolores López e Luís Villares, ofrecen unha imaxe desfigurada da operativa e funcionamento da sección terceira, considerada modélica pola maioría dos maxistrados do alto tribunal galego e que mereceu o apoio público do seu anterior presidente, José María Gómez y Díaz-Castroverde, quen na súa despedida do cargo en xuño de 2025 chamou a "protexer a súa independencia e dignidade fronte a ataques infundados ou presións externas".
A unanimidade presidiu a actuación da sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TXSG en relación coa solicitude de medidas cautelares para os proxectos eólicos. Neste sentido, a sección terceira, presidida nestes últimos anos por Francisco Javier Cambón até a súa xubilación en xuño de 2025 e conformada polos maxistrados María Ángeles Braña, Juan Carlos Fernández, Dolores López e Luís Villares, mantivo un mesmo criterio xurisdicional en referencia cos procedementos formulados para a paralización dos desenvolvementos eólicos en tramitación, coincidindo na práctica totalidade das veces á hora de estimar ou desestimar as medidas cautelares demandadas.
O TSXG estimou desde 2020 máis de 70 recursos que reclamaban medidas cautelares para proxectos eólicos. Segundo puido saber Nós Diario, neste período só houbo discrepancias en tres autos da sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo referidos a cuestións eólicas, presentando nun deles un voto particular unha maxistrada que permanecerá na sección após os traslados forzosos ordenados por Azucena Recio. Na mesma dirección, unha parte significativa dos autos ditados polo TSXG foron recorridos en casación no Tribunal Supremo, que resolveu na mesma dirección do alto tribunal galego.
A letrada da asociación ecoloxista Adega, Monserrat Calvo, é unha das avogadas que máis demandas ten presentadas diante da sección terceira do TSXG reclamando a paralización cautelar de desenvolvementos eólicos. Nesta dirección, sinala a Nós Diario que "a respecto das autorizacións eólicas impugnadas por Adega ante a sección terceira do TSXG, que foron máis de 30, só nunha delas houbo un voto particular discrepante, o cal reflicte un criterio de unanimidade na sección". Neste punto, lembra que "unha boa parte das medidas cautelares outorgadas no marco deses procesos foron recorridas en casación ante o Supremo, e o criterio do alto tribunal español tamén foi unánime no sentido de non admitir a trámite estes recursos".
"Entendo, continúa Calvo, que "no seu conxunto o debate xurídico formulado nos numerosos procesos que se están a tramitar polo TSXG en materia eólica reflicte unha aplicación acaída por parte da Sala da xurisprudencia do Tribunal Supremo de España e do Tribunal de Xustiza da Unión Europea en materia ambiental, a cal en modo algún ampara as pretensións da Xunta da Galiza de facer valer á marxe dos principios derivados de dita xurisprudencia as medidas de aceleración para o despregamento das enerxías renovábeis".
Xoán Antón Pérez-Lema, socio director de Pérez-Lema avogados e consultores, un dos gabinetes xurídicos con máis recursos formulados diante do TSXG en relación con proxectos eólicos, incide na unanimidade seguida pola sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo á hora de decretar medidas cautelares de paralización de polígonos eólicos. Nesta orientación, asegura a Nós Diario que "a unanimidade foi case total, só no caso dun parque eólico, o do Campo das Rosas, nos concellos de Campo Lameiro, Cerdedo Cotobade e A Estrada, houbo un voto particular por parte dunha integrante da sección terceira".
"A doutrina xurisprudencial da sección terceira do TSXG naceu dunha sentenza contra o parque eólico das Sasdónigas en Mondoñedo, que posteriormente foi declarada firme polo Tribunal Supremo", asegura Pérez-Lema, quen destaca que "cando foi ditada ese sentenza, a finais de 2019, aínda Luís Villares non era membro da sección terceira nin estaba incorporado ao TSXG".
Consumidores e oposición alertan dos riscos no TSXG
As reaccións contra resolución da presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior para apartar os dous xuíces da sección que decide sobre os eólicos segue provocando reaccións. Nesta dirección, o deputado do BNG Luís Bará asegurou, en declaracións a Nós Diario, que "este caso concreto é o resultado final dunha campaña de acoso e derrube contra o TSXG do lobby eólico e da Xunta Galiza". Neste punto, destaca que "o PP quere controlar todas as institucións, vémolo agora co TSXG, vímolo hai unhas semanas co veto á proposta do BNG de Adxunto á Valedora do Pobo, antes no Consello de Contas".
A parlamentaria socialista Patricia Igrexas manifestou a Nós Diario a "preocupación por unha situación que a propia asociación de Xuízas e Xuíces para a Democracia alerta que pode afectar á independencia xudicial" e "exixe unha explicación sobre por que se adoptou unha decisión de mobilidade forzosa de dous maxistrados".
A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) denunciou onte a “ilegalidade” do traslado forzoso dos dous xuíces decretada por Recio: "Cadanseus traslados forzosos incorren en evidentes vicios de legalidade que determinan a súa nulidade de pleno Dereito”.