Luís Menor será o candidato do PP para presidir a Deputación de Ourense tras a marcha de Baltar

Un acordo asinado con Democracia Ourensana, partido do alcalde de Ourense cidade, Gonzalo Pérez Xácome, permitiralles gobernar a institución provincial

Manuel Baltar, Luís Menor e Alfonso Rueda. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Manuel Baltar, Luís Menor e Alfonso Rueda. (Foto: Agostime / Europa Press)

A Xunta Directiva do PP de Ourense aprobou esta terza feira designar o alcalde do Pereiro de Aguiar (comarca de Ourense), Luís Menor, como candidato a presidir a Deputación, tras a xa anunciada renuncia de Manuel Baltar a continuar.

Así se acordou nunha reunión na tarde desta terza celebrada a porta fechada e á que asistiu, ademais do propio Baltar como líder do partido en Ourense, o presidente do PP galego, Alfonso Rueda, e a súa secretaria xeral, Paula Prado.

Luís Menor era o principal nome ao que voces do partido apuntaban como próximo titular da Deputación e esta segunda feira era confirmado como integrante do grupo provincial do PP.

Cabe lembrar que os populares teñen, a priori, asegurada a Deputación como forza máis votada. Aínda que ficaron a un escano da maioría absoluta, un acordo asinado con Democracia Ourensana, partido do alcalde de Ourense cidade, Gonzalo Pérez Xácome, permitiralles gobernar a institución provincial.

Luís Menor é dos alcaldes populares máis afastados á orbita de Xosé Manuel Baltar e, por tanto, a súa elección como candidato para presidir a Deputación de Ourense implica unha ruptura co coñecido como 'Baltarismo' de Xosé Luís (pai) e Xosé Manuel (fillo) Baltar. Menor, porén, si é unha persoa de máxima confianza de Alfonso Rueda, para quen foi director xeral na Xunta da Galiza.

Comentarios