Vídeo no interior

Apartan o xuíz Luís Villares da sala do TSXG que xulga as autorizacións ás eólicas e a privatización do Cunqueiro

O maxistrado do TSXG Luís Villares. (Foto: Europa Press)

Xuízas e Xuíces para a Democracia amosa a súa preocupación polos traslados “forzosos” acordados na Sección 3ª da Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza que poden “afectar as garantías de inamobilidade e independencia xudicial”. Lembran que esta sección foi “obxecto constante de presión mediática e política” polas súas resolucións que en varios casos paralizaron as autorizacións a parques eólicos.

O maxistrado Luís Villares deixará de formar parte da Sección terceira do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), despois de que a nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo decidise trasladar varios xuíces da Sección encargada dos procedementos xudiciais sobre as autorizacións administrativas relativas a parques eólicos en territorio galego, as suspensións cautelares da súa construción e cuestións de contratación administrativa, así como as que afectan concesións hospitalarias como a do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Durante este tempo, Villares foi sinalado pola Xunta da Galiza e polo PP polas súas sentenzas en contra de permisos ambientais a eólicas e referidas á privatización do Cunqueiro. Neste senso, estas sentenzas foron ditadas en conxunto con outros maxistrados, que tamén serán trasladados forzosamente á Sección cuarta.

Nós Diario tivo acceso á resolución da presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo, María Azucena Recio González, na que argumenta a súa decisión en “razóns organizativas”, sinalando que “se fan preciso certos cambios na composición persoal das Seccións, atendendo o número de procedementos que se tramitan en cada unha delas”.

Neste senso, sinala que “tomei en consideración, con relación aos maxistrados da Sección cuarta, o escaso período de tempo que levan en dita Sección e non podo deixar de considerar que iso, así mesmo, supón un crecemento profesional e unha oportunidade na carreira profesional dos propios maxistrados, ao abordar novas materias que tamén son competencia desta orde xudicial e máis en concreto desta Sala”. Unhas mudanzas que ela mesma di que terán unha “consecuencia”.

Xuízas e Xuíces para a Democracia vén de amosar a súa preocupación posto que, segundo sinalou a organización, os traslados “forzosos” acordados na Sección 3ª da Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza poden afectar as garantías de “inamobilidade e independencia xudicial”. Neste senso, denunciaron que a Sección Terceira foi “obxecto constante de presión mediática e política” polas súas resolucións relativas á autorización de parques eólicos.

O pasado 6 de marzo de 2026 tivo lugar, en acto público, a toma de posesión da nova presidenta da Sala do Contencioso–Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, María Azucena Recio González, un cargo co que competira fronte a Luís Villares.

Tan só uns días despois da súa toma de posesión, o 12 de marzo de 2026, Recio decide o traslado forzoso de Villares á Sección cuarta. Xuíces e Xuízas pola a Democracia sinala que unha das primeiras e “sorpresivas" medidas da nova presidencia da Sala do Contencioso-Administrativo (non prevista no seu programa de goberno sometido a exame do Consello Xeral do Poder Xudicial o mes pasado) foi o “desmantelamento” da actual Sección 3ª, encargada dos procedementos xudiciais sobre as autorizacións administrativas relativas a parques eólicos en territorio galego, as suspensións cautelares da súa construción e cuestións de contratación administrativa, como as que afectan a concesións hospitalarias, como a do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Xuízas e Xuíces para a Democracia sinala que tales acordos da nova presidencia da Sala do Contencioso-Administrativo apelan ás facultades gobernativas meramente organizativas e “non poden entrar a discutir ou determinar conscientemente os criterios xurisdicionais que cada Sección poida ter adoptado”. Aliás, alertan de que, legalmente, para evitar a mera decisión unilateral, esas decisións deben atender a “criterios aprobados anualmente pola Sala de goberno” (art. 198.1 LOPJ). Porén, informan de que non consta que a Sala de goberno do TSXG aprobase até o día de hoxe criterios como os aducidos nos citados acordos ou, desde logo, “non os publicou”. Ante esa “carencia de criterios rectos”, os acordos apelan formalmente a “un crecemento profesional e unha oportunidade na carreira profesional” dos propios maxistrados e maxistradas, así como xenéricas “necesidades organizativas”.

Tamén, no caso dun maxistrado —sinalan en relación a Luís Villares—, deslízase no acordo tomado para apartar o xuíz que foron acollidas polo Tribunal Supremo “tres concretas recusacións en tres concretas causas”, o que “podería afectar a imaxe do Tribunal”. As causas de recusación apelan á relación do maxistrado cun concreto asunto e son resoltas xurisdicionalmente pola propia Sala ou polos concretos órganos chamados a coñecer dos recursos. “Esas recusacións son habituais na vida normal dos tribunais. E non hai xustificación para estender o analizado respecto dun concreto asunto, a toda a materia que trata unha Sección”, defenden Xuízas e Xuíces para a Democracia.

Neste senso, advertiron de que estes acordos gobernativos da nova presidencia da Sala do Contencioso-Administrativo supoñen “de facto desfacer a composición dun órgano xudicial que viña resolvendo asuntos de materias concretas”. Aliás, consideran que “afasta a metade das persoas que compuñan esa Sección. Faino mediante o traslado forzoso de sección de dous dos catro maxistrados que formaban parte da Sección 3ª, sendo substituídos por un novo maxistrado e unha nova maxistrada de recente incorporación á Sección 4ª da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG”.

Nesta liña, denuncian que, neste caso, este traslado forzoso de catro maxistrados e maxistradas afecta a “composición e funcionamento de dúas das catro seccións da Sala, e foi adoptado sen audiencia previa nin consultas informais nin ás persoas afectadas nin aos presidentes das respectivas seccións”. Ademais, sinalan que “ningún dos catro trasladados ten experiencia previa nesta Sala nas concretas materias que lles son encomendadas, o que previsibelmente ocasionará nos primeiros tempos unha evidente disfuncionalidade no traballo de ambas as seccións, onde resulta relevante o coñecemento normativo e xurisprudencial, e dos precedentes da propia Sección”.

Durante os últimos meses e anos alertaron de que foron habituais “desmedidas declaracións de determinados responsábeis políticos e empresariais pondo en dúbida non só as resolucións da Sección 3ª da Sala do C-A, senón mesmo a profesionalidade dos seus integrantes”. Ante os recentes acordos e dado que os motivos formais aducidos pola Presidencia “casan mal co efecto real que van producir no funcionamento das seccións afectadas”, subliñaron que “non é descartábel que a cidadanía poida pensar que as reiteradas presións políticas e empresariais finalmente acadaron o resultado perseguido: o cambio da composición da Sección do TSX da Galiza que coñece dos litixios sobre os parques eólicos” no país. Un feito ante o que consideran que “a imaxe do Tribunal e da súa independencia queda moi afectada”.

Ante estes feitos, a Sección Territorial de Xuízas e Xuíces para a Democracia amosou “a nosa preocupación polo risco de afectación ás garantías constitucionais de inamobilidade e independencia, e tamén reclamar aos órganos gobernativos do poder xudicial un coidadoso e prudente exercicio das facultades que teñen encomendadas”. Aliás, trasladaron “o noso apoio aos maxistrados e maxistradas que até a data viñeron, en circunstancias especialmente complicadas e nun contexto de reiteradas presións, desempeñando o seu labor na Sección 3ª da Sala do C-A de o TSX da Galiza”.