Acouga denuncia a “ilegalidade” dos traslados dos maxistrados Luís Villares e Dolores López do TSXG

O maxistrado Luís Villares. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios manifestou a súa “completa” adhesión ao comunicado de Xuízas e Xuíces para a Democracia desta cuarta feira.

A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) denunciou a “ilegalidade” do traslado forzoso dos maxistrados da Sección 3ª da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xutiza da Galiza (TSXG), Luís Villares e María Dolores López, á Sección 4ª da mesma Sala, acordada o pasado 12 de marzo pola maxistrada María Azucena Recio, só seis días despois da súa toma de posesión como presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG.

Acouga manifestou, en relación con este feito, a súa “completa” adhesión ao comunicado de Xuízas e Xuíces para a Democracia desta cuarta feira. A asociación sinalo que “cadanseus traslados forzosos incorren en evidentes vicios de legalidade que determinan a súa nulidade de pleno Dereito”. A asignación de maxistrados e maxistradas da Sala ás súas Seccións é competencia da presidenta, mais cinguida a criterios anuais que han de se aprobar na Sala de Goberno do TSXG e que “non consta que existan como requisito habilitante neste caso”.

Para a asociación as razóns expostas nas devanditas resolucións (criterios organizativos, distribución de asuntos por Seccións, oportunidades de carreira profesional...) atópanse “totalmente orfas de acreditación”.

Neste senso, advertiu e que é a incorporación de novos maxistrados ás dúas Seccións obrigará a unha especialización funcional “que de seguro xerará atrasos e disfuncións adicionais no curto prazo”.

Canto á suposta necesidade de preservar a imparcialidade da Sala, sinalou que “cómpre manifestar que a decisión do Tribunal Supremo anulando tres sentenzas vencelladas ao Hospital de Vigo (e adoptadas por unanimidade) atopará unha solución xurisdicional con outra composición de Tribunal no TSXG, sen que razóns xurisdicionais poidan alicerzar criterios de adscrición orgánica forzosa, agás grave compromiso para a independencia das persoas maxistradas do TSXG”.

Acouga lembrou que a liña de xurisprudencia do TSXG é “un produto colectivo”, facendo fincapé en que as súas sentenzas “acollendo e rexeitando recursos e solicitudes de cautelares foron emitidas por unanimidade, agás nun caso moi concreto”.

Esta liña colectiva xurde coa sentenza de fins de 2019 que "anulou a declaración ambiental do parque Sasdónigas II, de Mondoñedo" (A Mariña), proceso que foi animado por Acouga. “E constitúe un traballo de definición colectiva de todos os maxistrados e maxistradas que partillaban até o de agora na Sección 3ª”, salientou.

Aliás, desde Acouga insistiron que “na altura Luís Villares non pertencía á Sala por se atopar en situación de servizos especiais por mor da súa calidade de deputado do Parlamento da Galiza. No 2023 persoas afectadas deste parque, asesoradas por Acouga, solicitaron a execución da devandita sentenza e o señor Villares abstívose de participar no asunto por ter coñecido das circunstancias do caso precisamente na súa época de dedicación política”.

“As graves pegadas de ilegalidade, malia carencia de motivación xurídica, canda as interpretacións dos propios voceiros que teñen amosado a súa desconformidade coa liña colectiva da xurisprudencia da devandita Sección 3ª do TSXG na aplicación do Dereito Ambiental ás solicitudes de autorizacións administrativas de instalacións de produción eólica, fan albiscar, tal como tamén sostén Xuízas e Xuíces para a Democracia, un grave risco de afectación ás garantías constitucionais de inamobilidade e independencia xudiciais, que alicerzan o dereito ao xuíz ordinario predeterminado pola Lei, recoñecido na Constitución e máis nas convencións e tratados europeos e internacionais de dereitos fundamentais asinados polo Estado español”, concluíu.