Luís Villares

"Esta lista non é para derrotar a outra de En Marea, é para derrotar o Goberno Feixoo"

Luís Villares (Lugo, 1978) aspira á reelección como líder de En Marea, a confluencia que vive abalada por fortes sacudidas internas desde case o minuto cero da súa posta en andamento. Nas primarias axendadas entre os días 1 e 3 de decembro, encabeza a lista Coidando a Casa. Quere un partido soberano, non tutelado desde o exterior. O seu non é un proxecto nacionalista, mais si, esclarece, "nacional". 

Luís Villares
photo_camera Luís Villares [Foto: Uxía Castro]

Villares exuda optimismo, "pateo o país e sei o que a xente quere de nós". Ten enorme confianza en que as súas ideas —o erguemento dun partido nacional galego aberto e inclusivo— acabarán prevalecendo sobre aqueles que, di, pulan máis ben por unha confluencia condicionada polos aparatos partidarios preexistentes en xeral e pola cúpula madrileña de Podemos en particular. Falamos na redacción de Sermos.

-Como se chegou a esta situación en En Marea, unha historia tan marcada polos confrontos internos nunha organización que ten como lema o de procurar a unidade popular?

-En momentos de debate interno como estes é san que toda a diversidade se poña de manifesto democraticamente. Agora imos a unhas eleccións [ao Consello das Mareas] que son as que determinarán en que forma cristaliza esa diversidade. Isto non lle ten que parecer a ninguén nin estraño nin negativo. Ao contrario. Sempre presumimos de sermos diversas. Este é o momento de que a xente escolla entre os distintos modelos [de organización] que están sobre a mesa.

-Mais ti prevías tanto ruído, tanto conflito, cando te incorporache, cando subiche ao tren da Marea?

-A ver, isto viña sen manual de instrucións [risos]. E, claro, nunca sabes o que a realidade che vai deparar. Mais si que era previsíbel que, sendo un espazo en transformación, houbese distintas fases do proceso... En todo caso, unha confrontación de ideas, un debate de modelos, sempre é algo san.

-Que razón lle darías a un militante de base de En Marea para apoiar a candidatura que encabezas?

-A nosa candidatura pretende ser unha lista que trata de seducir a totalidade do espazo político. Expresamos unha transversalidade, unha pluralidade ideolóxica que convive dentro da propia lista. Somos moi conscientes da realidade en que vivimos. Esta lista pretende non só seducir o conxunto do espazo político, senón o conxunto da cidadanía. Non é unha lista para derrotar a compañeiras e compañeiros de En Marea, é para derrotar o goberno de Núñez Feixoo. Contamos con activistas sociais, con feministas como Bea e como Iris —a propia Iris é unha rapaza precaria e emigrada, que está a buscar as fabas como moitas mozas e mozos do país—, contamos con xente do movimento veciñal como Mónica Díaz da Coruña, como Moncho Veras de SOS Sanidade Pública, como Mariló Candelo do movimento educativo, como o propio Xabier Pérez Davila do movimento dos pensionistas... e temos xente do mundo sindical, xente da CIG, de CC OO... O que queremos pór de manifesto é que a unidade arredor da diversidade é un valor en si mesmo. E nós pensamos que iso foi o que demandou desde o primeiro momento a xente que se inscribiu na Marea: que persoas moi diversas fosemos capaces de chegar a acordos. Ademais fechamos a lista dunha forma simbolicamente moi interesante, con dúas persoas do mesmo concello, Cangas do Morrazo, que no seu momento concorreron ás eleccións locais en dúas marcas municipalistas distintas e, porén, aceptan agora iren xuntas nesta candidatura. En definitiva, penso que a xente agarda de nós que o rebumbio que puido haber esta temporada acabe xa con estas eleccións. Esta candidatura está en condicións de oferecer iso.

-O teu discurso nesta campaña interna está a ser o da defensa dun partido soberano fronte ao modelo da outra candidatura que caracterizas como o dunha forza tutelada desde o exterior, un satélite de Podemos.

-Imos ver. Hai tres semanas tivemos que saír moi claramente aos medios porque Unidos Podemos saíu dicindo que iría ás europeas coaligados con En Marea cando nós como organización aínda non tomaramos ningunha decisión ao respecto. E nós dixemos: un momento, as decisións estratéxicas sobre como imos e con quen imos a un proceso electoral tómanse dentro de En Marea. Ninguén ten que vir de fóra a nos dicir como temos que ir ás eleccións. Temos que o deixar moi claro. Nós non somos satélite de ninguén. Somos un espazo soberano e, polo tanto, as decisións adóptanse dentro da organización. E iso tenlle que quedarlle moi clariño aos compañeiros e compañeiras de Podemos de Madrid, principalmente, que é de onde saíu esa información. 

-Esa satelización védela especialmente notoria no funcionamento do grupo de En Marea no Congreso.

-Tivemos un problema. Tentamos a conformación dun grupo parlamentar propio e non foi posíbel por unha razón regulamentaria. Agora estamos a sufrir as consecuencias diso. Estamos a sufrir unha non suficiente visibilización do proxecto político porque estamos integrados no grupo confederal. Isto ten solución? Si. Cal é a solución? Nas próximas eleccións En Marea terá outra forma xurídica, isto é, vaise presentar como partido [en 2016 foi formalmente como coalición de Anova, Esquerda Unida e Podemos], de tal maneira que garantiremos a obtención do grupo parlamentar. Non haberá problemas regulamentarios e poderemos constituír unha agrupación propia no congreso. 

Luís Villares

-Podemos non vai estar de acordo con que En Marea se presente nas eleccións xerais como un partido político e non como unha coligación.

-Podemos terá que aceptar a decisión que adopte o espazo político de En Marea. Non imos pedir permiso a ninguén para tomar as nosas decisións. E ese é un valor que estamos poñendo enriba da mesa desde a nosa candidatura. En Marea non vai admitir tutela de ningún tipo. E as relacións con Podemos teñen de ser sempre entre iguais. Son para nós aliados estratéxicos, mais non pode haber subordinación. E o que é certo é que tal e como se conformou o grupo no Congreso si houbo esa certa subordinación e iso é moi negativo para nós. O que quero deixar moi claro, moi claro, moi claro [dío con especial énfase] é que se esta candidatura é gañadora, nós garantiremos que eses problemas non van existir no futuro. 

-Desde a contorna de Podemos e Esquerda Unida atácase a vosa candidatura co argumento de que en realidade o que propoñedes é a constitución dun partido nacionalista e que, por tanto, a vosa proposta é reducionista, empequenecería o espazo da unidade popular...

-É moi fácil contestar iso. Unha simple ollada ao noso programa político e á confección da nosa candidatura desacredita esa afirmación. Nós na nosa lista temos xente que milita actualmente en Podemos, xente moi significada en Podemos como Pancho Casal, deputado...

-Casal xa non está en Podemos.

-Non, non está en Podemos, pero vén dese espazo ideolóxico-político. 

-Ben, nacionalista non é...

-Non, non é nacionalista, efectivamente. Está Elena Cores na lista, está de número 8, que é militante de Podemos, e así até cinco persoas nunha lista de 35 son de Podemos, o cal desacredita totalmente a noción de que nós queiramos facer un proxecto nacionalista. O que si queremos é un proxecto nacional. Ollo! Iso ten que quedar moi claro. Xa o Pacto de Mazarelos [acordo de outubro de 2015 que deu lugar ao nacimento da confluencia] parte do recoñecimento de Galiza como nación e a partir daí fixemos todas as nosas análises políticas, económicas, e a partir daí construímos En Marea como unha ferramenta de mudanza. Ese é o elo común de todas as persoas que integramos a candidatura e o proxecto político. Defendemos un concepto de nación aberto, integrador, inclusivo, onde se sinta referenciada a meirande parte da nosa sociedade. Unha idea de nación democrática, republicana. Esa idea é capaz de seducir xente que vén do nacionalismo e que non vén do nacionalismo pero que comparte que Galiza é un marco de solidariedade, de referencia, desde o que formulamos a nosa visión do país e do mundo. 

-No plenario do pasado 27 de outubro os textos do Consello da Marea saínte foron derrotados en aspectos clave, mesmo aqueles que constituían o documento politico. Sénteste lexitimado para dirixir unha organización que ten que levar adiante o relatorio do sector crítico?

-Un leva adiante como dirección aquilo que mandan os inscritos. E se os inscritos deciden nunha votación unha cousa, iso hai que respectalo. Só faltaría! Iso fai parte da normalidade democrática.

-Desde finais de outubro até hoxe produciuse unha intensa mobilización na base das persoas inscritas, as que teñen dereito de voto nestas primarias. O censo pasou de por volta de 3.000 persoas a arredor de 4.500, un incremento de case 1.500. Desde fóra a impresión que dá é que houbo certo toque de corneta e parecería que a organización que máis capacidade ten de mobilizar tal cantidade de efectivos é Podemos...

-Ben, para nós o incremento de participación sempre é positivo. Eu alégrome moito de que aumentase o censo durante esta temporada. Na Marea nunca lle miramos a ninguén o carnet. Estamos moi satisfeitos de que a xente que até agora tiña dúbidas dea un paso adiante neste momento. E se as arengas de Podemos para participar dentro de En Marea tiveron suceso, para nós iso é un éxito. 

-Imos rematando. Incomódache o feito de que haxa moito debate sobre o teu futuro persoal?

-Non me incomoda en absoluto porque non teño ningún apego ao cargo. Cumpro cunha responsabilidade, co encargo que me fixeron primeiro as persoas inscritas nunhas primarias en que votaron 11 mil persoas e coa encomenda que despois recebín do electorado de Galiza, que nos deu a confianza como segunda forza política. Eu estou cumprindo ese encargo e fágoo con responsabilidade e con moita ilusión e con moita honra. E mentres a xente queira que eu siga ao fronte disto, pois seguirei con total entrega e determinación.

-E se a xente non quere?

-Pois me vou para casa. 

-Deixarías o escano?

-A ver, agora mesmo non hai ningún proceso en que se me estea pedindo nada semellante. Se houbese algún proceso en que se decidise iso, eu evidentemente... sempre o dixen, os inscritos son os que máis ordenan.

-A vosa candidatura pode acabar constituíndose nun partido, no caso de En Marea evoluír cara un modelo, que non é o que vós queredes, ou frentista ou tipo federación de partidos?

-Nós non contemplamos esa posibilidade. Nós o que temos moi claro é que imos respectar os resultados sexan os que foren. Parece unha obviedade, non? Mais ás veces non o é tanto. Nós tivemos que ver como ao longo destes case dous anos había xente que non estaba de acordo coa liña maioritaria e non participaba directamente nos nosos órgaos de goberno. Nós si que nos integraremos e si que participaremos nos órgaos de goberno, sexa cal for a decisión das persoas inscritas. Aproveito esta entrevista para enviar desde aquí unha mensaxe á militancia e a toda a sociedade: a partir do día 3 non hai dúas listas, hai un único proxecto, o que vote a xente. Eu comprométome co proxecto resultante, con independencia do que sexa, porque o pobo é quen máis ordena. E neste caso o pobo mareante.

Comentarios