Leiceaga entrevístase con Sánchez en Ferraz e asegura que non falaron das candidaturas para as galegas

O encontro decorreu por espazo de menos dunha hora. O candidato do PSdeG-PSOE á Xunta “amarrou” a participación de Pedro Sánchez na campaña.

Pedro Sánchez e Leiceaga. 22 de xullo de 2016
photo_camera Un momento do encontro.

Leiceaga transmitiu aos meios que no encontro non se entrou a abordar o asunto das candidaturas do PSdeG-PSOE ao Parlamento da Galiza, marcado pola rebelión dos parlamentares aliñados co sector crítico que lidera Abel Caballero.

O candidato do PSdeG-PSOE demandou que non se interfira no “curso normal” do proceso de elaboración das listas. "É o momento dos militantes", enfatizou. Explicou que nestes días, e até o 28 de xullo, estanse a realizar as asembleas locais das que emanarán as propostas para conformar as candidaturas. Estas serán avaliadas nos comités provinciais os días 29 e 30. A xestora, que lidera Pilar Cancela, elaborará un informe coas conclusións dos debates e a decisión definitiva terá de ser referendada por Ferraz.

Os comités provinciais do PSdeG avaliarán as propostas de listas os días 29 e 30

O sector crítico afirma que as candidaturas teñen de ser previamente vistas e validadas polo Comité Nacional Galego, mentres que o aparato afirma que este órgao non ten nestes momentos competencias após a demisión de Besteiro como secretario xeral.

A reunión con Sánchez xirou, de acordo coa versión oferecida por Leiceaga, arredor da “axenda galega” que a representación parlamentar do PSdeG quer trasladar ao Congreso dos Deputados, e da disposición do secretario xeral estatal a participar na inminente campaña galega. Sánchez comprometeu a súa participación.

Comentarios