Laxe resta importancia ao aprazamento das primarias do PSdeG por orde de Ferraz

O secretario de Organización rexeitou fixar unha nova data
José Manuel Laxe Tuñas, secretario de Organización do PSdeG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera José Manuel Laxe Tuñas, secretario de Organización do PSdeG. (Foto: Nós Diario)

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe Tuñas, restou importancia ao aprazamento, por orde de Ferraz, do proceso de primarias no seo do partido na Galiza para elixir candidato ou candidata á Xunta da Galiza até que decorra a sesión de investidura e a eventual formación de Goberno no Estado español. 

"O PSOE agora mesmo está centrado no desenvolvemento de políticas que permitan mellorar a calidade de vida da cidadanía", sinalou onte, a preguntas da prensa, e ante unha cita que estaba prevista para o 17 de setembro e con José Ramón Gómez Besteiro como a persoa que soa con máis forza para postularse como aspirante  da candidatura 'oficialista'. 

Laxe non concretou unha posíbel data para as primarias e recalcou que agora a "atención" céntrase no proceso de investidura en España. "Agardamos que o antes posíbel haxe un Goberno e que estea presidido por Sánchez", engadiu.

Por outra parte, remarcou a presenza dos socialistas á fronte do Goberno en "cen concellos", así como en dúas Deputacións provinciais. "Para responder ás necesidades dos galegos e das galegas", dixo, ao incidir en que o PSOE está "centrado" nisto e que esa é a "súa folla de ruta". 

Críticas

Precisamente, esta "folla de ruta" á que fixo referencia onte Laxe foi cuestionada nos últimos días por deputados socialistas críticos coa dirección do seu partido na Galiza. Entre eles, o ex secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero que dixo que a dirección galega impulsou "unha folla de ruta que non era acertada" tras os "trompazos electorais das municipais e das xerais" que logo tivo "que rectificar e corrixir". 

Tamén Pablo Arangüena e Martín Seco pediron "un cambio de rumbo" e "enderezar e corrixir a folla de ruta do PSdeG para facer proxecto e volver medrar electoralmente".

Comentarios