Xácome nega negociacións co PP para retirar a candidatura de DO

Democracia Ourensá non se presentou ás eleccións de 2020 a petición dos populares, no marco do pacto que lle dera a Alcaldía de Ourense un ano antes e que tamén mantiña José Manuel Baltar á fronte da Deputación.

Alfonso Rueda e Gonzalo Pérez Xácome mantiveron un encontro o pasado 4 de outubro para analizar as demandas da cidade de Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda e Gonzalo Pérez Xácome mantiveron un encontro o pasado 4 de outubro para analizar as demandas da cidade de Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O partido que lidera Gonzalo Pérez Xácome, Democracia Ourensá, xa avanzou o pasado outubro a súa intención de presentarse con marca propia ás vindeiras eleccións galegas, algo que o alcalde de Ourense reiterou esta terza feira, nunha comparecencia ante os medios na que tamén negou que exista unha negociación co Partido Popular para retirar a súa candidatura. "DO non negocia con ninguén, aínda que si que é verdade que nos chegaron 'recados', pero non pasaron diso e tampouco de primeira man", explicou Pérez Xácome a preguntas da prensa.

O rexedor e líder da formación ourensá considera que "para evitar a discriminación" da cidade "non se negocia a oportunidade histórica" de ter por primeira vez "un voto independente" no Pazo do Hórreo para "influír" nos investimentos para toda a provincia. "Creo que a supervivencia de Ourense pasa polas eleccións autonómicas na Xunta da Galiza, e Democracia Ourensá vai ser chave para que Ourense deixe de ser a 'Cincenta' da Galiza, entón eses temas non se negocian", insistiu.

Nesta liña, asegurou que presentará a candidatura se a aceptan os técnicos do Palacio de Xustiza. "E non creo que haxa ningún problema", chanceou. Consultado sobre se non presentaría esta candidatura se o presidente galego, Alfonso Rueda, concedese todo o que el exixe para Ourense, Xácome respondeu con rotundidade: "O señor Rueda non pode garantir que siga na Xunta no 2024, así que non tería sentido".

En concreto, ironizou que "o que asinaría sería un papel para levar ás festas, ensinalo e sacarme selfies con el, nada máis". Porque, reiterou, "o señor Rueda non pode prometer nada porque non o ten seguro".

Xácome xa se apartou en 2020

A pesar das declaracións de Xácome, nas anteriores eleccións galegas, en xullo do 2020, Democracia Ourensá xa se apartou das urnas a petición do PP. Daquela gobernaba no Concello de Ourense en coalición cos populares tras a firma dun pacto despois das eleccións do 2019 polo que Xácome mantería o bastón de mando do Concello de Ourense e José Manuel Baltar o da Deputación.

Nese pacto estabelecíase que DO non concorrería ás eleccións galegas, algo que a formación si fixera con anterioridade desde o ano 2005. Ese pacto rompeuse pouco tempo despois cunha denuncia do seu grupo de goberno cara ao seu propio partido, DO, o que facía que quedase con tan só tres concelleiros da súa formación e que o Partido Popular pouco máis tarde abandonase o cogoberno.

En outubro de 2021 desde Democracia Ourensá lembraban mediante un comunicado que no 2020 non se presentaron a aquela cita electoral porque "existía un pacto" co PP, pero lamentaban que fose finalmente "dinamitado". Porén, nas estatais deste ano Xácome volveu pedir o voto para o PP de Alberto Núñez Feixoo.

Comentarios