Em Pé!

Independentistas chaman a construír un proxecto "de base ampla" e "popular"

A comisión popular que impulsou a manifestación independentista este 25 de xullo defendeu superar "vellos erros" e pular por unha "vía galega".

Em pé

Baixo o lema Em pé, pola independência nacional. Contra a repressom e polas liberdades democráticas plenas por volta de 250 persoas participaron na manifestación convocada polo movemento independentista "de base".

Em pé (2)Unha convocatoria lanzada como plataforma após a disolución das organizacións AMI e Nós-UP e a ilegalización, por orde da Audiencia Nacional española, de Causa Galiza. "Condicións excepcionais", aseguraron para "un pobo tamén excepcional". 

Ao berro de 'independencia' a manifestación, prevista para as 12.30h, saíu da Alameda cun pouco de retraso e dirixiuse polas rúas do ensanche compostelán cara á Praza do Toural. Especial presenza tiveron ao longo de todo o percorrido os chamamentos á "liberdade das presas independentistas" e a fin da dispersión penitenciaria. 

Xa na Zona Vella a mobilización tivo que agardar a que rematase un acto que decorría no interior da praza para poder acceder malia que contaban coa comunicación e permiso correspondentes ao acto de fechamento no Toural.

Em pé (3)

Alén da anécdota, Cristina Rodríguez foi a encargada de dar leitura a un comunicado que, asegurou, quixo rachar co tradicional "carácter protocolario" das intervencións públicas e emprazar as persoas asistentes a pular por un proxecto independentista "de base ampla" e "popular" que supere os "erros" do pasado para abrir unha "vía galega" cara á independencia e o socialismo. Cuestión que pasa, din, por desenvolver unha "estratexia críbel". 

Neste senso, aseguran que "as oportunidades" para o facer "están aí" e achan que son "favorábeis" na actualidade, quer pola perda de apoio das forzas políticas que transitan a estratexia electoral e institucional, quer pola situación social e económica do pobo galego, quer por unha maior acollida do discurso independentista entre a mocidade. 

O acto rematou coa entoación do himno nacional. 

Comentarios