martes 22/06/21

Ha de cumprir Galiza o acordo estatal para o ocio nocturno?

O presidente da Xunta pide "rigor" e "diálogo" á hora de abordar as medidas aprobadas no Consello Interterritorial para regular o lecer nocturno con normas homoxéneas este verán. Galiza votou en contra do documento presentado polo Ministerio de Sanidade. Non foi a única, por iso discute o seu carácter obrigatorio. 
Varias persoas enchen as terrazas dos bares da rúa do Forno, en Ourense. (Foto: Rosa veiga / Europa Press).
Varias persoas enchen as terrazas dos bares da rúa do Forno, en Ourense. (Foto: Rosa veiga / Europa Press).

O Goberno galego seguirá a súa "folla de ruta" para a desescalada polo menos até que a asesoría xurídica da Xunta determine se algunhas "partes" do protocolo que o Ministerio de Sanidade presentou no Consello Interterritorial do Sistema de Saúde esta semana son de "obrigado cumprimento".

O documento recolle medidas específicas para o funcionamento da hostalaría, do ocio nocturno e de eventos multitudinarios que modificarían  as restricións actuais coas que Galiza avanza cara a nova normalidade. Medidas que, segundo a ministra Carolina Darias son de obrigado cumprimento.

"Non necesitamos que o Goberno estatal nos coide, levamos tempo coidándonos sós e acreditando que somos responsábeis", afirmou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, esta sexta feira tras sinalar que o acordo alcanzado sen unanimidade "é a imposición unilateral do Goberno estatal ás comunidades autónomas, que levamos asumindo a responsabilidade en solitario de xestionar a pandemia".

O xefe do Executivo galego pediu "rigor" e "diálogo" para avaliar as medidas anticovid-19 que han de rexer nas próximas datas e remarcou que "as ameazas [do Goberno estatal] non nos producen ningún efecto", en referencia á intención, expresada pola ministra de Sanidade, de emprender as accións necesarias para que os territorios díscolos respecten as normas.

É vinculante o acordo?

Galiza, Catalunya, Euskadi, Madrid, Andalucía e Murcia votaron en contra das novas condicións e algunhas xa avanzaron a súa idea de non as acatar. Mais, poden sortear o acordo?

Para a catedrática de Dereito Administrativo da Universidade compostelá (USC), Alba Nogueira, "o que se aprobou no Consello Interterritorial é obrigatorio no seu cumprimento". Malia funcionar "por consenso", aclara, unha recente modificación da normativa sanitaria "introduciu no artigo 65 da Lei de saúde unha provisión do que se chama actuacións coordinadas", que lle permite ao Ministerio declarar obrigatorias certas medidas "previa consulta". 

O que non estabelece a lei, advirte, é como se converte iso en norma. "Aí hai unha lagoa. Que o Ministerio declare esas medidas obrigatorias non significa que a norma sexa unha norma ministerial", polo que adoitan ser as consellarías territoriais as que aproban a normativa a través dunha orde autonómica. Mais se non se publica, non habería que acatala. "Por iso o Ministerio di que vai obrigar a cumprir, talvez, a través dun requirimento da Avogacía do Estado". 

Neste sentido, engade Nogueira, "sempre que respecten os mínimos" pactados no Consello Interterritorial "poderían ser aínda máis exixentes, como avanzaron xa as Illes Balears, que van ir máis alá" para endurecer as restricións. "Iso poden facelo. O que non poden é ser máis flexíbeis".

 Tamén é importante, incide a catedrática da USC, que malia a obriga de cumprir, "non quere dicir que as comunidades non poidan ir aos tribunais en contra dese acordo. Poden cuestionalo e recorrer, mais mentres non haxa sentenza teñen que aplicalo.

comentarios