A Xunta seguirá a súa "folla de ruta" para a desescalada e cuestiona que o protocolo estatal sexa de obrigado cumprimento

O Goberno galego seguirá a súa "folla de ruta" para a desescalada, polo menos até que a asesoría xurídica da Xunta determine se algunhas "partes" do protocolo que o Ministerio de Sanidade presentou no Consello Interterritorial do Sistema de Saúde -con normas sobre hostalaría, lecer nocturno e eventos multitudinarios para a nova normalidade- son de "obrigado cumprimento".

Unha parella de policías revisan a capacidade dunha terraza, en Santiago, nunha imaxe de arquivo (Foto: Arxina)
photo_camera Unha parella de policías revisan a capacidade dunha terraza, en Santiago, nunha imaxe de arquivo (Foto: Arxina)

Pese a que o Consello Interterritorial de Saúde aprobou co voto a favor da maioría das comunidades autónomas o documento para a nova normalidade e a pesar de que a ministra de Sanidade, Carolina Darias, remarcou que é de "obrigado cumprimento", o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, puxo o foco en que o documento "non foi aprobado por todas as comunidades". De facto o mandatario sinalou que as autonomías que votaron en contra da proposta do Ministerio -Galiza, Catalunya, Euskadi, Madrid, Andalucía e Murcia- aglutinan "máis da metade da poboación" no Estado, aínda que o certo é que ficaron en minoría no Consello.

Feixoo remarcou que o novo protocolo "non se publicou no Boletín Oficial do Estado (BOE)" e afirmou que "hai dúbidas" de que "un protocolo que se leva a unha reunión sen acreditar na orde do día que vai ser normativa obrigatoria" poida ser modificado durante o encontro para que o seu contido deba acatarse. Neste sentido, incidiu en que "os documentos vinculantes teñen que aparecer na orde do día como vinculantes".

Invasión de competencias

Sobre o autogoberno, o lehendakari Íñigo Urkullu denunciou que as modificacións do Ministerio supoñen unha "invasión de competencias" e asegurou que Euskadi "seguirá a súa propia folla de ruta" e manterá as medidas actualizadas esta semana polas institucións vascas.

Tamén o Goberno de Madrid reiterou que non acatará as medidas acordadas ao consideralas unha "imposición política" e "non sanitaria".

Polo momento, o titular do Executivo galego indicou que a asesoría xurídica da Xunta está a analizar se as normas do protocolo estatal son vinculantes e invaden competencias da Galiza.

No caso de que se determinase que o documento debe acatarse, asegurou que se presentarán modificacións, xa que resultaría "difícil" explicar aos hostaleiros un texto que "non foi falado con eles" e que "chega á conclusión de que en espazos exteriores pode haber máis perigo que en interiores". Nesa liña, cuestionou as normas do documento. "Non entendemos como se di que nunha terraza ao ar libre a partir das 12 da noite non se pode servir, mais si se pode estar en lugares fechados até as 3 da mañá". O documento estipula que bares e restaurantes fecharán á 1 e que as discotecas -onde haberá que estar sentados- farano ás 3 horas. Con todo, os locais nocturnos só poderán abrir en zonas en nivel de alerta 1. 

Ademais, Feixoo sinalou que a Xunta seguirá traballando nos seus protocolos co Comité Clínico, cuxa efectividade defendeu. Así, indicou que a aplicación do documento non permitiría a ampliación de reunións que está a estudar este grupo de expertos.

Pola súa banda, o Goberno español volveu insistir esta quinta feira, 3 de marzo, en que o Tribunal Supremo xa sentenciou que o Consello  Interritorial de Saúde pode obrigar as comunidades a aplicar restricións a través das chamadas accións coordinadas e ordes ministeriais.

Comentarios