O Goberno de Lugo presenta uns orzamentos que se sitúan perto dos 118 millóns de euros

Rubén Arroxo e Lara Méndez na presentación dos orzamentos (Foto: PSdeG Lugo).
A alcaldesa, a socialista Lara Méndez, e o primeiro tenente de alcaldesa, o nacionalista Rubén Arroxo, presentaron esta segunda feira as contas, que levarán a un pleno extraordinario o vindeiro 16 de decembro.

O orzamento do Concello de Lugo, que conxelará taxas e tributos municipais, estará perto dos 118 millóns de euros no ano 2023.

A alcaldesa, a socialista Lara Méndez, e o primeiro tenente de alcaldesa, o nacionalista Rubén Arroxo, presentaron esta segunda feira as contas, que levarán a un pleno extraordinario o vindeiro 16 de decembro.

Méndez destacou que as contas se incrementan "10,4% con respecto a 2022. "Son un ano máis uns orzamentos claramente expansivos e sociais que van permitir continuar co impulso chave para Lugo, dentro do plan de recuperación económica da cidade que activamos tras a pandemia", esgrimiu.

A rexedora puxo o acento en que "se manteñen conxeladas un ano máis as taxas e impostos municipais porque aínda que aumenta o gasto na mellora dos servizos esenciais, non é o momento de impor máis cargas á veciñanza".

"Profundamos así nun ciclo de contención fiscal sen precedentes, que debe contribuír a apontoar o período da recuperación económica. Tamén apostamos pola equidade social, mantendo importantes contías a un escudo social e para protexer as persoas e colectivos máis vulnerábeis e para iso, para políticas sociais, destinaranse perto de 30 millóns de euros", puntualizou.

Peonalización "integral"

Xa o tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, lembrou que "estes son os cuartos orzamentos deste mandato e son os últimos da lexislatura, que veñen marcados pola situación que se está vivindo, a que se viviu nestes case tres anos relacionada coa crise que provocou a pandemia, e agora unha nova crise que é a suba dos custos da vida, e moi especialmente o custo das enerxías".

Nestas contas tamén se reflicte que se destinarán 6,5 millóns de euros na peonalización "integral" do centro histórico ou 1,3 millóns en "humanizacións" na cidade de Lugo