O BNG de Lugo confirma Rubén Arroxo como candidato de cara ás eleccións municipais de 2023

Arroxo manifestou o seu agradecemento a todas as persoas que lle deron o apoio.
Rubén Arroxo, fronte á Asemblea local do BNG de Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rubén Arroxo, fronte á Asemblea local do BNG de Lugo. (Foto: Nós Diario)

A asemblea local do BNG de Lugo escolleu Rubén Arroxo como candidato á Alcaldía de cara ás eleccións municipais de 2023. O actual portavoz municipal e Tenente Alcalde do Concello de Lugo foi o único aspirante a liderar a lista electoral do BNG para o concello de Lugo.

Arroxo manifestou o seu agradecemento a todas as persoas que lle deron o apoio sinalando que "nestas eleccións imos a por todas,  en Lugo hai moitas persoas que acreditan no traballo serio e construtivo do BNG que executamos estes últimos anos desde o goberno municipal, co cal estamos cambiando Lugo".

Arroxo puxo o traballo executado desde a Tenencia de Alcaldía nos últimos anos como exemplo das políticas municipais do BNG, e afirmou que aspiran “a multiplicar a representación do BNG para que Lugo continúe a avanzar, como outras moitas vilas e cidades nas que o Bloque encabeza o goberno municipal".

"O BNG está no seu mellor momento histórico, contamos con experiencia e imos traballar para presentar a mellor candidatura para Lugo por que sabemos o que este concello precisa e un proxecto político serio para Lugo", afirmou Arroxo.

O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo destacou o carácter democrático do BNG, e lembrou que no ano 2015, o BNG foi escollida como a organización política máis democrática segundo o estudo realizado pola iniciativa +Democracia. "Isto demóstrase con procedementos como a escolla da candidatura a unhas eleccións, onde se da a voz e voto a toda a militancia".

Comentarios