Lugo quere gañar o espazo para as persoas

Gañar espazo urbano para as persoas e impulsar a economía local son os compromisos principais do Goberno municipal de Lugo para os dous anos que restan de mandato. Desde a oposición lamentan que non houbese ningunha acción de Goberno e que o Executivo, formado polo PSdeG e BNG, estea "a hipotecar o concello".
O Concello confía en culminar en oito meses a humanización da rolda da Muralla na zona da Mosqueira (Foto: Nós Diario)
photo_camera O Concello confía en culminar en oito meses a humanización da rolda da Muralla na zona da Mosqueira (Foto: Nós Diario)

O equipo que forma o Goberno de coalición entre socialistas e nacionalistas no Concello de Lugo chega ao ecuador do mandato con "satisfacción" polo traballo realizado e co reto de avanzar na transformación da cidade, tomando como eixo as humanizacións e  a recuperación do espazo público para a veciñanza.

 Desde as filas populares e de Ciudadanos a visión é diferente: lamentan a ausencia da acción de Goberno, acúsano de ser o máis caro da historia e quéixanse dos proxectos tan diferentes que representan a alcaldesa Lara Méndez (PSdeG) e o tenente de alcalde Rubén Arroxo (BNG). Nós Diario conversou cos grupos municipais para facer balance destes dous anos e coñecer de perto como encaran os vindeiros 24 meses que restan até a chegada das urnas. 

Reanimar e reactivar

A pandemia fía a valoración do voceiro socialista, Miguel Fernández, en tanto que "fomos capaces de facer compatíbel a xestión ordinaria da Administración local co esforzo extraordinario que obrigou a facer a pandemia". Neste contexto, salienta a prioridade que deron á atención das persoas vulnerábeis a través do traballo social e o incremento das axudas. 

Destaca o plan Reanima do Concello, dotado de 5 millóns de euros, "o primeiro plan de axudas directas na Galiza", para paliar os  efectos das restricións a autónomos e empresarios. Logo chegou o segundo plan, o Reactiva, "que xa estamos aboando nestes días". 

Alén da pandemia, o socialista remarca que seguiron a traballar "no proxecto chave de transformación de Lugo que se materializará nos vindeiros anos". E como exemplo disto pon o barrio do Carme, coa posta en valor do patrimonio histórico e natural e as melloras de accesos á zona fluvial. 

Humanizacións

O voceiro do BNG e tenente de alcalde, Rubén Arroxo, asegura que a súa valoración "é satisfactoria, malia vivir unha das perores épocas en tempos de paz". Malia todo, "puidemos levar adiante todos os proxectos do programa electoral do BNG. Estamos cumprindo", afirma.  

Así, Arroxo pon en valor que durante estes anos lograron renovar o servizo público de transporte e facer "importantes cambios en mobilidade", solucionando puntos negros de tráfico e humanizando a contorna da Muralla en Quiroga Ballesteros -que practicamente está completada- e na Mosqueira, onde as obras comezaron hai 16 días. 

Para os próximos dous anos, Arroxo comprométese a seguir humanizando co proxecto no Recatelo, na praza do Sagrado Corazón, en Luís Seoane e mellorar o acceso ao centro de saúde de San Roque cunha pasarela. 

Dous anos "sen Goberno"

Moi crítico coa situación en Lugo é Ramón Carballo, voceiro municipal do PP. En conversa con este xornal, bota en falta unha acción de Goberno debido a que os proxectos do PSdeG e BNG "son moi distintos". O problema vén desde o minuto un, coas puxas para repartir cargos entre ambos os partidos, sinala.

Aliás, e a pesar da pandemia, "Lugo ten o Goberno máis caro da historia. Gasta 3,8 millóns de euros en dedicacións exclusivas e asesores" e, por riba "subíronse o soldo 2% e tamén orzaron a compra de coches de alta gama por máis de 103.000 euros", denuncia Carballo. 

Preguntando polo uso destes vehículos, Arroxo afirma a este diario que el nunca subiu nun coche oficial. O nacionalista si recoñece que se renovaron automóbiles dos servizos municipais como o de brigada de obras.
Noutra orde, o PP tamén crítica que se realice "un uso abusivo dos contratos menores" e se externalice a atención das avarías de auga na rede e a inspección de tributos.  

Un "bigoberno enfrontado"

Tamén é moi crítica co "abuso dos contratos menores" a edila de Cs, Olga Louzao, que lamenta que o BNG cargase contra ese modelo na oposición e que agora "non só mire para outro lado" ante o PSdeG senón que tamén o practique.

En Lugo hai un "bigoberno" con dous modelos de cidade contrapostos, asegura, polo que bota en falta un plan de Goberno. Louzao critica o “dispendio económico” con proxectos como as augas termais e, aínda que é moi favorábel ás peonalizacións, pide que se escoite os sectores prexudicados. 

O Concello procura mudar o modelo de mobilidade con peonalizacións e carrís bici

O acordo asinado por Lara Méndez e Rubén Arroxo fixo dous anos. Neste tempo, a humanización da contorna da Muralla foi chave para o BNG. Aquí pode verse unha recreación de como será o resultado das actuais obras no tramo da Mosqueira.

MosqueiraSobre o modelo urbano, o PSdeG enxalza a recuperación dos barrios do Carme e da Garaballa, o novo parque verde no Freire e a aposta por unha senda verde ciclista de 14 km.

Comentarios