O Goberno español rexeita que Galiza teña concerto económico
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interpelou esta cuarta a Vicepresidenta primeira e ministra de Facenda do Goberno español, María Jesús Montero, para reclamar a apertura dunha negociación que permita implantar un sistema de financiamento "xusto para a Galiza", baseado no concerto económico. Rego sostivo que o actual modelo é "inxusto, insuficiente e discriminatorio".
Durante a interpelación, o deputado nacionalista denunciou que a Galiza padece desde hai décadas un infrafinanciamento estrutural, “acreditado polo Informe do Consello de Contas, que o cifra en 1.535 millóns de euros anuais". O déficit acumulado entre 2009 e 2021 ascendería -segundo este organismo fiscalizador- "a 20.000 millóns", unhas perdas que "teñen un impacto directo na calidade de vida e no benestar da cidadanía galega".
Para Rego, "acabar con este espolio fiscal permanente é a razón que leva o BNG a defender un modelo de concerto” . O deputado nacionalista sinalou, ademais, que só no exercicio 2022 o Estado recadou na Galiza 15.385 millóns de euros mais só devolveu 10.041 millóns a través do actual sistema de financiamento que cualifica de “inxusto, insuficiente e discriminatorio”. “A diferenza, 5.344 millóns en favor do Estado, mostra até que punto o modelo prexudica á Galiza” subliña. O BNG, explicou, defende para a Galiza un modelo de concerto económico semellante ao existente en Euskal Herria, que permitiría xestionar e recadar todos os impostos xerados no territorio e contribuír despois, mediante unha cota, ao financiamento dos servizos comúns do Estado.
Mais a proposta de abrir unha negociación non foi aceptada pola vicepresidenta española, argumentando que o concerto supoñería "demoler" o conxunto do Estado nuns cantos anos. Montero apelou, en troques, a camiñar cara a "algo razoábel" no novo modelo de financiamento autonómico, que permita a todas as comunidades "mellorar".
A Xunta, contra o "bilateralismo"
O conselleiro de Facenda da Xunta da Galiza, Miguel Corgos, reprochou esta cuarta, canda os conselleiros do mesmo ramo do País Valencià, Murcia e Castela-A Mancha, ao Goberno estatal que manteña "unha negociación bilateral" sobre o modelo de financiamento autonómico. Miguel Corgos lembrou que todas as comunidades están infrafinanciadas e mentres o problema aumenta cada ano, a reforma do sistema de financiamento autonómico é “urxente” e é o Goberno estatal quen ten que presentar un novo modelo “asumíbel para as comunidades”.
A declaración prodúcese o día antes do debate no Congreso da senda de déficit aprobada polo Goberno estatal e que permitiría ás autonomías un déficit do 0,1% para cada exercicio de 2026 a 2028, o que no cao da Galiza suporía dispor de 281 millóns de euros máis.

