Os actos de celebración da Constitución española obvian os dereitos incumpridos

Acto en Vigo esta terza feira (Foto: Nós Diario)
Madrid volveu ser onte o epicentro do enxalzamento da constitución española de 1978, que onte facía 44 anos. Unha data que as forzas que integran o Goberno español —PSOE, UP—, o PP e Vox —que non asistiu aos actos— aproveitaron para celebrar a "vixencia" dun texto cuestionado polos soberanismos.

As escalinatas do Congreso dos Deputados foron onte o punto central dos actos institucionais e oficiais do Estado para conmemorar o 44 aniversario da constitución española. Izado da bandeira española, recepción de autoridades, ou discursos nos que abundaban expresións como "casa común", "garantía de dereitos e liberdades", "baluarte da democracia" centraron unha xornada para "solemnizar" o texto que se someteu a referendo 6 de decembro de 1978. Na Galiza, a abstención abeirou 50%.

A constitución fixa unha serie de dereitos e deberes que, pasadas máis de catro décadas da súa entrada en vigor, mostran diferentes niveis de cumprimento e tamén de implicación dos diferentes poderes públicos na observancia dos mesmos.

Así, por exemplo, o artigo 3.1  —"o castelán é a lingua española oficial do Estado. Todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito para usala"— é cumprido e garantido. Como ten sinalado A Mesa pola Normalización Lingüística, existen máis de 500 leis, normas, disposicións e decretos  para facer efectivo ese "deber".

Porén, noutros artigos da constitución non existe esa mesma 'vontade' para o seu cumprimento. Un deles é o artigo 40, que fala de "redistribución da renda" e do "pleno emprego". No que se refire á primeira cuestión, a fenda social alargouse nos últimos anos. A participación do 1% que máis gaña na renda do Estado español pasou de 13% en 2007 a 17% en 2020. O "pleno emprego" continúa lonxe de se cumprir. Na Galiza hai 142.000 persoas no desemprego —serían a terceira cidade da Galiza—.

Outro artigo cuxo cumprimento efectivo está á espera é o 128, que estabelece que "toda a riqueza do pais [... ] sexa cal sexa a súa titularidade" debe de estar "subordinada ao interese xeral". O aproveitamento de recursos enerxéticos —eólico, hidráulico— por grandes empresas privadas e sen retorno e compensación á cidadanía pon en solfa esa cumprimento.

Ao igual que acontece con outro artigo, 47, que fixa que "todos os españois teñen dereito a unha vivenda digna e adecuada". Porén, a poboación galega que habita en vivendas "deficientes" (22%) dobra a europea. Tamén di que "os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito". Mais  o acceso a este dereito é restrinxido: a Xunta constrúe este ano 64 vivendas publicas e só 155 en 2021. A demanda de vivenda publica na Galiza supera as 15.000 persoas.

Onte en Vigo, unha concentración convocada por 'Os Ninguéns' denunciaba na Praza da Constitución o incumprimento do dereito á vivenda que figura no texto do 78.

Por último, que a coñecida como 'Lei Mordaza' siga sen se derrogar mantén unha norma que "criminaliza", como denuncian sindicatos e organizacións polos dereitos civís, dereitos constitucionais como o de folga (artigo 28.2) ou pendura sobre outros como a liberdade de expresión (artigo 20). 

As voces discordantes veñen das nacións sen estado

Para o presidente3 do Goberno español, na constitución "celebramos os valores que nos unen" e que lograron "unha España moderna, europeísta, de progreso e convivencia". O líder do PP español, Alberto Núñez Feixoo, enxalzou a constitución mais advertiu que "a orde constitucional vese ameazada"  polas "cesións" a independentistas. Pola súa parte, Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda, sinalou que "hai 44 anos aprobouse a constitución. A democracia foi unha conquista da xente traballadorae dos pobos que loitaron pola súa autonomía".

As forzas soberanistas, BNG, ERC, Bildu, CUP, PNV e Junts non participaron nos actos institucionais, incidindo en que a constitución nega dereitos "democráticos" aos pobos.

O 90 aniversario da Asamblea de concellos pro-estatuto e a creación do Partido Galeguista hai 91, protagonizaron a celebración do BNG deste 6D, fronte a unha constitución "que nos nega como pobo, limita as nosas capacidades e pon trabas ao noso desenvolvemento e benestar", subliñou.