Formoso quere un novo Pacto local con máis competencias para os concellos
Valentín González Formoso estréase no Parlamento galego cun discurso ambicioso. Nesta quinta feira compareceu por vez primeira como líder do PSdeG ante a Comisión de Orzamentos para presentar as contas da Deputación da Coruña en 2022, e na súa intervención defendeu un novo modelo de financiamento local, ante as "numerosas competencias" que a Xunta deriva a deputacións e concellos "de forma dispersa e sen cartos", ao tempo que reclamou unha maior autonomía para os municipios e un impulso á prestación compartida de servizos.
Así, avogou por reformar o Estatuto para igualalo, en materia de política municipal, aos de Andalucía, Catalunya ou o País Valencià.
"Os obxectivos deberían abordarse axeitadamente a través dun novo Pacto Local da Galiza que actualice a relación de competencias e concrete as condicións óptimas de prestación e financiamento de servizos públicos desde un acordo amplo de todas as formacións políticas", xustificou.
A respecto dos orzamentos da Deputación, anunciou que ascenderán a 189,2 millóns de euros —2,6% máis que en 2021—, e salientou as partidas destinadas a gasto social nos concellos —7 millóns—, o plan de emprego local —12,6— e os plans de mellora da rede de estradas da Deputación —14,6—.
As contas financiarase con cargo a fondos propios, sen recorrer a créditos, polo que a institución "manterá a actual situación de débeda cero".
Lugo terá os orzamentos "máis altos da década"
Tamén presentou os orzamentos da Deputación de Lugo o seu presidente, José Tomé, quen salientou que serán "os máis altos da última década", cunha contía que ascende a 100 millóns de euros —8% superior ás contas anteriores—.
Non asistiu á Cámara, mais si enviou as contas, a súa homóloga en Pontevedra, Carmela Silva, cuxa ausencia "por quinto ano consecutivo" criticaron PP e BNG.