Formoso quere un novo Pacto local con máis competencias para os concellos

O novo secretario xeral do PSdeG propón reformar o Estatuto a través dun "acordo amplo" na Cámara.
Valentín González Formoso no Parlamento galego (Foto: Europa Press).
photo_camera Valentín González Formoso, nesta quinta feira, no Parlamento galego (Foto: Europa Press).

Valentín González Formoso estréase no Parlamento galego cun discurso ambicioso. Nesta quinta feira compareceu por vez primeira como líder do PSdeG ante a Comisión de Orzamentos para presentar as contas da Deputación da Coruña en 2022, e na súa intervención defendeu un novo modelo de financiamento local, ante as "numerosas competencias" que a Xunta deriva a deputacións e concellos "de forma dispersa e sen cartos", ao tempo que reclamou unha maior autonomía para os municipios e un impulso á prestación compartida de servizos.

Así, avogou por reformar o Estatuto para igualalo, en materia de política municipal, aos de Andalucía, Catalunya ou o País Valencià.

"Os obxectivos deberían abordarse axeitadamente a través dun novo Pacto Local da Galiza que actualice a relación de competencias e concrete as condicións óptimas de prestación e financiamento de servizos públicos desde un acordo amplo de todas as formacións políticas", xustificou.

A respecto dos orzamentos da Deputación, anunciou que ascenderán a 189,2 millóns de euros —2,6% máis que en 2021—, e salientou as partidas destinadas a gasto social nos concellos —7 millóns—, o plan de emprego local —12,6— e os plans de mellora da rede de estradas da Deputación —14,6—.

As contas financiarase con cargo a fondos propios, sen recorrer a créditos, polo que a institución "manterá a actual situación de débeda cero".

Lugo terá os orzamentos "máis altos da década"

Tamén presentou os orzamentos da Deputación de Lugo o seu presidente, José Tomé, quen salientou que serán "os máis altos da última década", cunha contía que ascende a 100 millóns de euros —8% superior ás contas anteriores—.

Non asistiu á Cámara, mais si enviou as contas, a súa homóloga en Pontevedra, Carmela Silva, cuxa ausencia "por quinto ano consecutivo" criticaron PP e BNG.

Comentarios