Formoso resta importancia á crise do PSOE en Ferrol e Santiago e cre que non influirá nas eleccións de maio

Os gobernos socialistas de ambas as cidades sufriron senllas dimisións nos últimos días que poñen contra as cordas a súa continuidade após os próximos comicios.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esta quinta feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, resta importancia ás situacións dos gobernos socialistas en Ferrol e Santiago e cre que non terán consecuencias nas eleccións municipais do próximo mes de maio, para as que aínda existe a incógnita de se o propio Formoso optará á reelección como alcalde das Pontes, unha dúbida que non quixo despexar na rolda de prensa desta quinta feira.

"Saberase cedo", respondeu González Formoso, a preguntas dos xornalistas sobre o seu futuro na política local. Precisamente o Goberno da capital galega, conformado en solitario polos socialistas, estivo no foco mediático nas últimas semanas polo caso da nave propiedade da empresa Desproi S.L., vinculada ao ex edil de Medio Rural, José Manuel Pichel, quen presentou a súa renuncia após saír á luz que o seu departamento alugara á devandita empresa ese espazo.

A iso sumouse esta semana a dimisión de Maite Deus, até esta cuarta feira concelleira de Economía e Facenda do Concello de Ferrol que encabeza o tamén socialista Ángel Mato, quen se viu obrigado a reorganizar as áreas do seu goberno a pouco máis de tres meses para a cita coas urnas.

Ante esta situación en dúas das cinco grandes cidades galegas con alcaldías socialistas, González Formoso restou peso ao posíbel impacto destas crises sobre as expectativas do PSOE para reter o poder catro anos máis en Ferrol e Santiago.

"A cidadanía galega de todas as vilas e cidades é unha sociedade moi madura, que viviu todo tipo de escenarios e situacións e que sabe distinguir o importante do anecdótico", subliñou o máximo responsábel dos socialistas galegos, que defendeu a "fortaleza" dos "proxectos municipais" do PSOE en Santiago e Ferrol, cidades "con dous alcaldes magníficos".

Ao seu xuízo, quen "debe estar preocupado" é o Partido Popular, porque "os seus proxectos son débiles a nivel municipal". Fronte a iso, remarcou que o PSOE "ten unha folla de ruta clara" que, segundo Formoso, exemplifica o seu traballo nas cidades de Ferrol e Santiago.

Após apuntar que os gobernos e grupos municipais "teñen vida propia", o secretario xeral do PSdeG defendeu que "o escenario é moi positivo" tanto en Santiago como en Ferrol, pois a primeira conta con "un alcalde de referencia" como Xosé Sánchez Bugallo e a segunda "vive o período máis florecente da súa historia" grazas "aos investimentos" do Goberno.

Comentarios