23-X

Formoso chama ao "voto útil" en Ourense e cre que "votar Sumar ou BNG é axudar ao PP"

O secretario xeral do PSdeG chamou a culminar "a remontada" e seguir construíndo "un país de dereitos e liberdades.
Valentín González Formoso, en Ourense. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín González Formoso, en Ourense. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fechou esta sexta feira a campaña dos socialistas galegos en Ourense apelando ao voto "con ilusión e esperanza" para culminar "a remontada" e seguir construíndo "un país de dereitos e liberdades".

Neste último mítin antes das eleccións do domingo, tamén participaron outros socialistas como o alcalde de Vigo, Abel Caballero, ou as candidatas ourensás ao Congreso, Marga Martín e Noela Blanco, e o candidato ao Senado, Rafael Villarino.

A praza elixida polo PSdeG para facer o seu acto central do último día de campaña non é casual, xa que aseguran que están a 500 votos de arrebatar un escano ao PP na provincia. Por iso, Formoso apelou a concentrar o voto no PSOE para "mirar ao futuro con ilusión e esperanza, coa seguridade de que haberá un Goberno que protexa o público".

"Hai que dicilo con respecto aos votantes e ao resto de opcións políticas, pero sen complexos: votar a Sumar ou ao BNG en Ourense ou Lugo é axudar a que Feixoo sexa presidente e Abascal vicepresidente", asegurou o dirixente socialista.

Formoso deu unha especial "relevancia histórica" a estes comicios, polo que animou á cidadanía a "dar unha lección do que significa a democracia a quen non cre nela", especialmente nunha provincia, engadiu, "atacada polas peores prácticas antidemocráticas e caciquiis do PP de Baltar, que tamén é o PP de Feixoo".

Comentarios