O PSdeG di que o presidente da Xunta "segue tras a faixa de Galicia Bilingüe"

Torrado acusa Rueda de "avergoñarse" da súa "cultura e identidade".
O deputado socialista Julio Torrado, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera O deputado socialista Julio Torrado, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

O viceportavoz do PSdeG no Parlamento galego, Julio Torrado, celebrou esta segunda feira que sexa o deputado galego José Ramón Gómez Besteiro quen abra a lexislatura no Congreso coa defensa do uso da lingua galega na Cámara, fronte a un presidente da Xunta da Galiza “avergoñado da súa cultura e identidade”. Por iso, entende que “esta semana Gómez Besteiro vai representar mellor a Galiza que Rueda”, ao que ve aínda “detrás da faixa de Galicia Bilingüe”.

Nunha rolda de prensa, o representante do PSdeG fixo balance dos actos realizados este domingo pasado na Galiza. Salientou os máis de 2.500 militantes que asistiron á tradicional festa do partido para iniciar o curso político, contando coa participación do presidente do Goberno estatal en funcións e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez.

Torrado quixo transmitir "a nosa ilusión pola celebración dun acto que centrou o foco da política española na Galiza". Asegurou que están "moi satisfeitos" polo "impacto e a influencia do PSdeG" no conxunto da política do Estado, pero "particularmente dentro do PSOE". 

O deputado socialista tamén adiantou algunhas posicións a respecto do Debate sobre o Estado da Nación, que terá lugar no mes de outubro. Torrado apuntou tres “conviccións” nas que o PSdeG baseará a súa intervención: “Facer ver a Rueda que é presidente da Galiza, que aínda non se decatou”; “pór o foco no concreto do día a día”, en especial no relativo aos servizos públicos; e, por último, "achegar o PP á posición de consenso en temas concretos, para que apoien asuntos como a xa aprobada Lei de Pesca e as rebaixas nas peaxes da AP-9", entre outras. 

Comentarios