Fiscalía pide cárcere e 1,2 millóns ao ex alcalde de Compostela, Conde Roa, por defraudar o fisco

En 2010 non declarou o IVE correspondente á venda de 61 vivendas a través da promotora da cal é administrador único. El nega o delito e di que non ten os cartos porque "os bancos quedaron con todo". Tamén está imputado na 'Pokemon'

Conde Roa e Núñez Feijóo
photo_camera [Imaxe: Concello de Santiago]


Cárcere para dous anos e medio, pagar a Facenda 1,2 millóns de euros e ficar inhabilitado para ocupar un cargo público entre catro e seis anos. 

É a petición de pena que a Fiscalía rexistrou para o ex alcalde de Compostela, Gerardo Conde Roa (PPdG), a quen considera responsábel dun delito de fraude fiscal por defraudar 291.000 euros ao fisco ao non declarar o IVE derivado da venda de 61 vivendas de Geslander Proyectos Inmobiliarios, a promotora da cal é administrador único. Os feitos aconteceron en 2010 e por eles Conde Roa demitiu en abril de 2012 do seu cargo á fronte do goberno municipal de Compostela. 

"Os bancos quedaron con todo o que ingresamos pola venda dos pisos. Non me quedei con nada. Todo foi destinado a pagar débedas bancarias, a proveedores e aos construtores", argumentou o propio Conde Roa para xustificar que "non hai delito" porque, segundo di, el non tiña a intención de non declarar o montante que lle reclaman, senón que a súa empresa sufriu graves reveses económicos en Lalín e na localidade española de Ciudad Real, polo que non dispuña do diñeiro. Tanto a fiscalía como a Axencia Tributaria, esta última personada na causa como acusación particular, reclaman para o político a pena pecuniaria máxima que contempla a lei para os casos de fraude fiscal: o triplo do defraudado. 

Para alén desta causa, Conde Roa está tamén imputado na batizada como 'operación Manga' contra a corrupción municipal, unha póla da coñecida como 'operación Pokemon' na cal están imputadas até sete das persoas que facían parte da lista eleitoral con que o PPdG concorreu, e gañou, as eleccións locais de 2011. Neste caso está considerado responsábel dos delitos de prevaricación, tráfico de influencias e aceptación de subornos. 

Comentarios