BNG retruca á Fiscalía da Audiencia Nacional: "A quen hai que investigar é os Borbóns"

A Executiva Nacional da formación nacionalista reafírmase nas súas afirmacións sobre a monarquía.

Retirada do Parlamento de Nafarroa do cadro de Juan Carlos I (Parlamento de Nafarroa).
photo_camera Retirada do Parlamento de Nafarroa do cadro de Juan Carlos I (Parlamento de Nafarroa).

A Executiva Nacional do BNG non ten constancia, “por vías oficiais”, da apertura de dilixencias por parte da Fiscalía da Audiencia Nacional á súa portavoz nacional, Ana Pontón, por criticar  a monarquía española.

A formación nacionalista considera que esta actuación da Fiscalía “retrata máis unha vez a xustiza española e a vulneración que estas actuacións supoñen do dereito fundamental á liberdade de expresión no Estado español, como ten posto en evidencia en múltiples ocasións o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH).

O BNG reafírmase tanto no comunicado do pasado día 3 sobre a fuxida de Xoán Carlos I como no expresado por Ana Pontón na Praza da Quintana o 25 de xullo, Día da Patria, sobre a monarquía española. “Para o BNG é hora de investigar a fondo toda a corrupción da Casa Real e xulgar os Borbóns polas súas actuacións, con todas as consecuencias penais e políticas”, engade a Executiva no comunicado feito público esta segunda feira.

Para finalizar, a Executiva manifesta a súa reafirmación  no “compromiso democrático e republicano” expresado no punto 3 da Carta de principios políticos, ideolóxicos e de valores do BNG.

Comentarios