O voto exterior, en mínimos históricos, cae nun 40% ao respeito das eleccións de 2012

Só o 4% das 446.235 persoas con dereito a voto no estranxeiro solicitaron participar nos comicios, entre outras causas, polo rigor do sistema de voto rogado en vigor desde 2011.

Papeletas electorais nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Voto por correo

O peso do voto exterior nas próximas eleccións galegas podería ser o máis baixo rexistado até o momento. A Oficina do Censo Electoral recibiu perto de 18.000 solicitudes para participar nos comicios na Galiza. Só un 4% das 446.235 persoas con dereito a voto inscritas no estranxeiro, o maior censo contabilizado na historia, iniciaron os trámites. Un descenso do 40% a respecto das eleccións de 2012. 

Unha cifra que, previsiblemente, será menor en participación o próximo día 25 de setembro. A esta porcentaxe haberá que restarlle aquelas papeletas que non se reciban ou que teñan algún defecto que impidan a correcta votación. Esta circunstancia fai anticipar un novo descenso do voto exterior, en caída durante as últimas eleccións e que tocou fondo coa introdución do sistema de voto rogado en vigor desde 2011 (un sistema que, porén, é garantista a respeito do carácter libre, directo e secreto do sufraxio). 

Hai catro anos, nas eleccións galegas de 2012, foron máis de 30.000 censados no exterior os que solicitaron o voto por correo, un 7,6% do total. Porén, finalmente foron emitidos só 13.000, deixando unha escasa participación do 3,25% na primeira cita electoral realizada no país co novo sistema. Nos comicios estatais de xuño, a participación caeu aínda máis, e ficou no 3%. Lonxe fican o 30% das autonómicas de 2009 ou o 35% no ano 2005. Daquela era moi común a denuncia de fraudes nas votacións e nada infrecuente a recepción de papeletas emitidas por persoas xa falecidas.

Os baixos datos de participación levaron á Xunta Electoral a anunciar unha prórroga do prazo até o pasado día 5 de setembro –inicialmente finalizaba o 27 de agosto– para rogar o voto desde o estranxeiro. As dificuldades para solicitalo, especialmente nas cidades sen embaixada ou consulado, os prazos axustados para xestionalo e os confusos procesos administrativos deixaron, entre outras causas, ao mínimo a participación electoral dos galegos e galegas na emigración.

Comentarios