O ferrocarril de proximidade reduciría o custo da tarifa do tren en máis de 75%

O traxecto ferroviario A Coruña-Compostela suma 62 km e o seu custo coas tarifas vixentes de abono mensual de Renfe é de 90,3 euros. Unha distancia semellante é a da liña C-2, que une cun traxecto de 65 km Madrid e Guadalaxara. Ao ser un tren de 'Cercanías' o seu custo é de 20 euros ao mes.

IMG_0771
Persoas agardando polo tren na estación de ferrocarril de Santiago. (Foto: Nós Diario)

O acordo asinado en novembro de 2023 entre o PSOE e o BNG para investir Pedro Sánchez como presidente do Goberno do Estado recollía como cuestión chave a posta en marcha dun plan de modernización da rede ferroviaria galega. No marco deste,  fixábase como aspecto central a realización "dun estudo para a implantación do tren de proximidade ('Cercanías') na Galiza", estabelecendo que "antes do final de lexislatura, a Galiza conte con servizo de proximidade, priorizando os tramos Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol".

A resposta avanzada a cuarta feira no Congreso polo ministro de Transportes, Óscar Puente, ao deputado do BNG, Néstor Rego, enmárcase no acordo alcanzado entre socialistas e nacionalistas en 2023. Neste sentido, Puente apuntou que antes de que remate o ano estará listo o estudo sobre a implantación dun servizo público de proximidade ferroviaria na Galiza e recoñeceu que existe "alta demanda" do mesmo no país. A este respecto, o traballo propón unha rede de proximidade nas zonas da Coruña, Vigo, Eixo Atlántico, Galiza interior e outra complementaria".

O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, explica a Nós Diario que "a  idea de que haxa catro áreas e unha complementaria significaría practicamente un servizo de proximidade nas principais cidades do país". Nesta orientación, apunta que "é urxente que cumpran eses prazos e se poña en marcha o servizo de proximidades antes de rematar a lexislatura. Parécenos, a priori, positivo ese enfoque de considerar a proximidade non estritamente nas áreas urbanas e metropolitanas, senón tamén nunha Media Distancia que na Galiza realmente fai ese servizo".

O enxeñeiro e especialista en temas ferroviarios Xosé Carlos Fernández explica  a Nós Diario que "o ministro de Transportes limitouse a responder como está o estudo das proximidades encargado a Ineco a proposta do BNG, pero non é unha proposta do ministro, é unha resposta". Nesta dirección apunta que "no Estado hai 12 comunidades que contan con servizos de proximidades ferroviarias, sendo Galiza unha das poucas que non dispón delas". Neste punto, recalca que "estamos discriminados" e demanda que "as forzas vivas das cidades deben reclamar o servizo de proximidades, como fixo o BNG, que teñen noutras partes do Estado".

O catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, Ruben Lois, coordinador do estudo O ferrocarril na Galiza sinala a Nós Diario que "a xente móvese fundamentalmente nas áreas metropolitanas, sumando a da Coruña e Vigo ao redor dun millón de habitantes, e esa xente precisa unha transporte con frecuencias razoábeis que a permita trasladarse ao seu traballo, por iso é moi importante contar cun servizo de proximidades". Nesta liña, critica que "en todas partes comézase polo servizo de proximidades e despois vaise á alta velocidade, pero no Estado por razóns ideolóxicas fixeron ao revés".

O factor poboación

As áreas metropolitanas de diversas cidades galegas superan en poboación outras áreas do Estado que si dispoñen de servizo de proximidade ferroviarias desde hai décadas. A área de Vigo conta con perto de 500.000 persoas, a de Vigo máis Pontevedra con 700.000, a da Coruña con 450.000 e a da Coruña máis Ferrol con 650.000. Pola contra, dispoñen de servizos de proximidade ferroviarias as áreas metropolitas de Santander (Cantabria), con 284.000 persoas; ou de Xixón (Asturias), con 268.561 persoas.

A ausencia dun servizo de proximidades é un factor de evidente discriminación para os usuarios e as usuarias galegas do ferrocarril ao contar cunha tarifa ferroviaria moito máis reducida que na Media Distancia. A este respecto, Fernández lembra que "as proximidades están moi subvencionadas e rexistran uns prezos reducidos, precisamente pola súa natureza como modo de transporte preferente para traballadores e estudantes". Pon como exemplo o actual réxime de tarifas vixente desde o mes de xullo.

O  sistema de tarifas ferroviarias en vigor desde o 1 de xullo estabelece para a Media Distancia un desconto de 40% sobre a tarifa xeral do abono mensual, que no caso das persoas entre 15 e 26 anos alcanza 50% e nas menores de 15 anos, o 100%. Pola contra, determínase para os servizos de proximidades unha tarifa xeral de 20 euros mensuais para as usuarias e os usuarios habituais; de 10 euros mensuais para as persoas de entre 15 e 26 anos, e gratuíto para as menores de 15 anos

O traxecto A Coruña-Compostela suma 62 km e o seu custo desde o 1 de xullo é de 90,3 euros mensuais. Unha distancia semellante rexistra a liña ferroviaria de proximidades C-2, que une cun traxecto de 65 km Madrid e Guadalaxara (Castela-A Mancha). Precisamente, por non ter a consideración de Media Distancia convencional os usuarios e as usuarias da mesma só pagan pola viaxe 20 euros ao mes.

Fernández resalta que o servizo de proximidades é mais eficiente, favorece unha mobilidade máis racional e resulta mais sustentábel ecoloxicamente. Neste sentido, destaca que "a xente que se despraza por este medio non contamina nin conxestiona as entradas ou as saídas das cidades cando van ou volven de traballar ou estudar".

Os trens activos na Galiza non valen para as 'Cercanías'

O ministro Óscar Puente comprometeuse a cuarta feira no Congreso dos Deputados a dar a coñecer antes do remate deste ano o estudo definitivo sobre as proximidades ferroviarias na Galiza encargado polo Ministerio de Transportes a Enxeñaría e economía do transporte (Ineco), a empresa pública propiedade do departamento do que é titular o propio Puente. Porén, unha vez publicado o documento aínda ficaría un longo camiño para que estes servizos entren en funcionamento, algo que dependerá da correlación de forzas na Cámara.

Xosé Carlos Fernández explica que "os trens de proximidades son diferentes aos que hoxe operan na Galiza". Neste sentido, desvela que este servizo require de "trens específicos, non de moita velocidade e con moita potencia de arranque, porque son trens que teñen que facer moitas paradas no seu percorrido e non poden perder tempo en arrancar". Ao tempo, apunta que "deben contar con moitas máis portas que os trens que hoxe circulan na Galiza porque en poucos segundos baixa e entra moita xente".

"Os servizos de proximidade son os que exixen máis puntualidade", continúa Fernández, quen matiza que "só funcionan a determinadas horas e en días laborábeis", atendendo aos usuarios aos que vai dirixido

Comentarios