O BNG defenderá no Congreso as actuacións "necesarias e urxentes" que precisa o transporte ferroviario galego
Após a interpelación de Néstor Rego a Óscar Puente, a formación nacionalsita procurará o apoio do resto de forzas para exixir ao Goberno do Estado actuacións para a mellora e modernización do sistema ferroviario galego.
O BNG vén de rexistrar no Congreso dos Deputados unha moción consecuencia de interpelación para o seu debate e votación no vindeiro Pleno, co obxectivo de instar o Goberno español a adoptar "medidas prioritarias" para modernizar e reforzar o transporte ferroviario na Galiza.
O texto inclúe dez actuacións concretas entre as que se recolle concluír o estudo para a implantación do tren de proximidade e iniciar, sen máis demoras, o proceso para a posta en marcha efectiva dos servizos de "Cercanías".
"Continuar a actualización e modernización da rede ferroviaria interior galega, con especial atención ás liñas A Coruña–Ferrol, A Coruña–Lugo, Vigo–Fronteira portuguesa, á Saída Sur de Vigo para alta velocidade e á mellora da liña de ancho métrico Ferrol–Ribadeo", reza a iniciativa. Ademais, a formación nacionalista require finalizar o estudo da conexión ferroviaria Lugo–Santiago e reforzar os servizos e conexións dispoñíbeis.
"Completar, con carácter prioritario, as obras pendentes do Corredor Atlántico de Mercadorías e impulsar as autoestradas ferroviarias e a intermodalidade estrada-ferrocarril no territorio galego", continúa a moción consecuencia de interpelación. Do mesmo modo, o BNG urxe rematar as obras pendentes do AVE, especialmente a variante de Ourense e o desdobramento dos tramos de vía única.
Máis frecuencias e prazas
Por outra parte, a moción recolle a necesidade de incrementar frecuencias e prazas, revisar e adaptar os horarios para garantir unha mobilidade axeitada, especialmente no Eixo Atlántico e nas conexións con Ourense, así como recuperar a totalidade das frecuencias ferroviarias suprimidas durante a pandemia da Covid-19.
"Transportes debe aplicar o Plan de Puntualidade, reforzando a fiabilidade do servizo e mellorando a información ás persoas usuarias en caso de incidencias. Do mesmo xeito, hai que estabelecer unha tarifa plana bonificada equiparábel á de proxidmidade nos tramos de media distancia galegos que cumpren funcións semellantes, eliminando a actual discriminación tarifaria", subliña.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, apunta que estas actuacións "responden á necesidade de superar o déficit histórico en infraestruturas ferroviarias que sofre Galiza e que limita a mobilidade cidadá, a cohesión territorial e o desenvolvemento económico".
Rego lembra que varias destas medidas forman parte dos compromisos do acordo de investidura alcanzado entre BNG e PSOE e destaca que o Ministro de Transportes, Óscar Puente, "confirmou que o estudo do tren de proximidade está case concluído, mais é preciso pasar dos anuncios aos feitos. A posta en marcha efectiva destes servizos antes de finalizar a lexislatura é unha cuestión de xustiza coa Galiza e para a vertebración territorial do noso país".

