Feixoo titula 'Galicia' o seu programa após 11 anos sen lograr competencias

'Galicia, Galicia, Galicia' é o lema co que Núñez Feixoo procura revalidar na Presidencia da Xunta o 12-X. O mandatario presentou onte o programa electoral do Partido Popular e, pese a encher as páxinas e carteis co nome do país, o certo é que a Galiza non sumou ningunha nova competencia durante os 11 de Feixoo á fronte do Executivo. 
O candidato popular á Presidencia da Xunta, Núñez Feixoo, onte, na presentación do programa.
photo_camera O candidato popular á Presidencia da Xunta, Núñez Feixoo, onte, na presentación do programa. (Arxina).

A Galiza segue agardando no apeadeiro sen subir ao tren das nacións. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, leva 11 gobernando, dúas lexislaturas, mais na súa mochila ten cero competencias transferidas de Madrid á Galiza. 

Porén, parece que os anos de Goberno non pasaron e onte, na presentación do programa electoral en Santiago, Feixoo enumerou 15 puntos sobre transferencias que agora se compromete a lograr, como "un acordo sobre museos, bibliotecas e arquivos de titularidade estatal, bolsas e axudas ao estudo, inspección de traballo, servizos meteorolóxicos, a cesión da titularidade dos inmóbeis da Seguridade Social, sanidade penal e a titularidade das autoestradas AP-9 e AP-53. 

Porén, hai só un ano que o mandatario popular clarificou publicamente nunha entrevista en Antena 3 a súa intención de non pular por transferencias de competencias para a Xunta. Feixoo apostou de facto nesa entrevista por frear os traspasos ás comunidades autónomas. Non son as transferencias “prioritarias” nun contexto, dixo daquela, marcado pola situación a respecto de Catalunya. “A inmensa maioría” das transferencias que recolle a Constitución “xa están feitas”, engadiu o candidato popular. Porén, Galiza segue sen contar con transferencias de tráfico e de infraestruturas chaves como a AP-9, en salvamento marítimo ou en seguridade cidadá. Aliás, o programa do PP co que Pablo Casado concorreu ás eleccións estatais deixaba este asunto ben claro, comprometéndose a aprobar “unha moratoria que paralizará a cesión de novas transferencias ás comunidades autónomas”. 

Coa pandemia, Feixoo fixo máis batalla polo levantamento do estado de alarma para convocar eleccións que para recuperar competencias. De facto, unha vez que o Consello de Ministras compatibilizou a alarma coa posibilidade de votar, Feixoo deixou de facer bandeira contra o estado de alarma e recentralización.

Comentarios