O candidato á Presidencia da Xunta por Galicia En Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, tachou ao actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de "radical disfrazado de moderado", á vez que o acusou de querer "subornar" aos traballadores sanitarios do Sergas coa aprobación a pasada sexta feira dun cheque de 250 euros para gastar en estabelecementos hostaleiros do país.
Gómez-Reino pronunciou estas palabras durante a súa intervención no acto de presentación da candidatura da coalición entre Podemos, Esquerda Unida, Anova, Compostela Aberta e Marea Atlántica para as elecciós do 12 de xullo, unha cita que encaran co obxectivo de "recuperar Galiza" após "unha década de destrución do PP".
O groso da candidatura, incluídos os cabeza de lista polas catro circunscricións (Gómez-Reino pola Coruña, Eva Solla en Pontevedra, Miguel Anxo Fernán-Vello en Lugo e David Bruzos por Ourense), acudiron este sábado á capital galega para facerse a foto de familia no paseo da Ferradura da Alameda.
"Estamos preparados para cambiar e gobernar Galiza", sinalou Gómez-Reino, durante o seu discurso, no que comparou a Feixoo "con Casado, Ayuso, Cristóbal Montoro e Rodrigo Rato"; polo que apelou á mobilización do electorado "progresista" porque, se se logra este obxectivo, "Feixoo perde".
Gómez-Reino asegurou que na sexta feira Feixoo deu "dúas razóns máis" para que o "voto progresista" acuda ás urnas e así facer posíbel "o cambio". A primeira delas, segundo o deputado no Congreso, foi a aprobación do citado bono para os traballadores sanitarios sinalado pola Xunta como un mecanismo para reactivar a hostalaría da Galiza.
"Temos a certeza de que os sanitarios non se van a deixar subornar por cheques clientelares", espetou Gómez-Reino, que citou como "segundo" deses motivos para "o cambio" que "Feixoo se quitou a máscara e demostrou que é o mesmo que Casado". "Deunos a súa receita para saír da crise: a mesma que en 2008, subordinando os intereses dos galegos ás elites holandesa e alemá", aseverou o secretario xeral de Podemos Galicia.
"Un Goberno a tres"
Tamén interviñeron no acto a cabeza de lista por Pontevedra e coordinadora nacional de EU, Eva Solla, e o ex rexedor santiagués e membro da dirección de Anova e Compostela Aberta, Martiño Noriega, quen participou no seu primeiro acto de preelectoral este sábado, poucos días antes do inicio da campaña, que arrinca na madrugada da quinta feira.
A primeira, deputada durante a última lexislatura, na que ademais ocupou o cargo de vicepresidenta segunda do Parlamento, ve nas eleccións de xullo "unha oportunidade de cambiar o país avanzando ao futuro".
"Seremos parte do futuro Goberno de progreso dun país que enfronta as consecuencias da crise derivada da COVID-19, pasando páxina dunha Xunta que só criticou e esqueceu exercer as súas competencias. Un país sumido en recortes sociais e no que se perderon máis de 54.000 postos de traballo", sinalou Solla.
Pola súa banda, Noriega destacou que a candidatura na que figura como número 3 pola Coruña "suma e multiplica" para avanzar cara á meta de "construír un Goberno alternativo" que "blinde a educación e sanidade públicas e o estado de benestar".
"O cambio non se constrúe desde posicións de parte senón desde a diversidade. Será un goberno a tres ou non será", remarcou o exalcalde de Santiago e Teo, que tamén se sumou ao chamamento a que a cidadanía acuda a votar para facer "posíbel" o "cambio" na Xunta.