Feixoo proporá deixar sen efecto o estado de alarma na Galiza desde o día 15
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, propoñerá, na reunión do Consello de Goberno desta sexta feira, deixar sen efecto o estado de alarma a partir da vindeira segunda feira, día 15, a condición de que se manteña a actual situación de "control" da pandemia e a baixa taxa de contaxio.
Así o confirmou, en resposta a preguntas dos xornalistas durante unha visita a unha empresa no parque industrial de Porto do Molle, en Nigrán, e subliñou que o Goberno galego "traballa nese horizonte" se se mantén, como nos últimos días, a taxa de contaxio, que é do 0,4 por cada 100.000 habitantes.
"Levamos máis de 7 días sendo a Comunidade Autónoma coa taxa de contaxio máis baixa do Estado. Iso fainos albergar esperanzas fundadas para que vindeira sexta feira deixemos sen efecto o estado de alarma. Vouno propor como autoridade delegada do Goberno", avanzou, e volveu precisar que se fará "se todo vai como foi en últimos días".
Núñez Feixoo indicou que, aínda que o estado de alarma quede "anulado" e na segunda feira se entre "nunha situación social e económica normal", manteranse, "por suposto", as "cautelas desde o punto de vista sanitario".