A partir do 21 de xuño, mobilidade sen restricións por todo o Estado español

Vehículos fan cola para pagar nunha peaxe (Xunta).

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, mostrouse convencido de que o 21 de xuño daranse as condicións para que todo o Estado poida entrar na chamada "nova normalidade", para acabar co estado de alarma debido á pandemia do coronavirus e que se levanten as restricións á mobilidade.

Así o dixo a preguntas dos xornalistas sobre a posibilidade de que algúns territorios - en concreto, a Comunidade de Madrid, Barcelona e a súa área metropolitana e Castela e León - non estean preparados para avanzar de fase o 21 de xuño, cando remata a última prórroga do estado de alarma.

Así pois, e coincidindo coa tempada de verán, Galiza podería empezar a recibir turistas e visitantes procedentes de territorios onde os contaxios por COVID-19 tiveron unha incidencia moito maior que aquí. Nestas semanas, desde certos concellos costerios alertouse da presenza de turistas procedenets desas zonas emboara as restricións á mobilidade. 

"Se as cousas evolucionan na liña que están evolucionando, o 21 de xuño daranse as condicións para que se poida introducir unha nova normalidade en toda España e polo tanto o estado de alarma rematará e se levanten as restricións á mobilidade tal e com coñecemos", indicou o titular de Sanidade.

Porén, advertiu de que se houbese algún tipo de indicador ou reversión na evolución da epidemia que indicase actuar no sentido contrario, "faríamolo, comunicarémola de modo oportuno e, como fixemos sempre, o noso pulso non tremerá á hora de tomar decisións para protexer a saúde dos cidadáns".

Illa reiterou que a día de hoxe e cos datos actuais, o 21 de xuño daranse as condicións para que o estado de alarma poida elevarse en todo o territorio do Estado español. E no momento en que se levanta o estado de alarma, dixo, "pode ​​haber mobilidade sen restricións no noso país".

"É por iso que será máis necesario que nunca recorrer á responsabilidade individual", advertiu o ministro de Sanidade.