Feixoo escúdase en Sánchez para eludir responsabilidades con Alcoa

Feixoo en rolda de prensa (Xunta)
O presidente da Xunta di, en alusión á intervención da planta de Cervo, que calquera solución que non implique baixar o prezo eléctrico é "unha cuestión dialéctica".

Lonxe de empregar o seu poder para mediar coa multinacional Alcoa, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, limitouse a amosar a súa “preocupación” ao presidente español, Pedro Sánchez, sobre o despedimento de máis de medio milleiro de traballadores na planta de aluminio de Alcoa en Cervo. 

Durante a videoconferencia semanal dos presidentes co titular do Executivo español, que coincidiu coas protestas dos traballadores de Alcoa en Ribadeo, nas que pedían aos líderes de ambos gobernos máis implicación na procura de solucións para os centos de familias afectadas, Feixoo estendeu esta preocupación a outras industrias galegas que se verían afectadas polas modificacións da Lei de Costas que ultima o Goberno español.

Na rolda de prensa posterior ao encontro, o presidente da Xunta indicou que o Executivo estatal vai recibir 140.000 millóns de euros do plan de recuperación europeo, segundo lles trasladou o propio Pedro Sánchez, e que sería “un gravísimo erro” non aplicalos a industrias chave. 

Preguntado sobre unha posíbel nacionalización da planta, que exixen tanto traballadores como sindicatos, Feixoo, o mesmo que no Parlamento rexeitou a creación dunha tarifa eléctrica galega, reduciu a “unha cuestión dialéctica” calquera solución “que non posibilite baixar o prezo eléctrico”.

Neste senso, volveu apuntar a Madrid para criticar que o Goberno español leva “desde outubro de 2018 comprometendo” a continuidade da empresa sen “garantir un prezo máximo” da electricidade ás industrias electrointensivas sen pór “ningunha solución enriba da mesa”. E sen facer autocrítica engadiu:  “que se perdan empregos polo deixamento do Goberno español non ten sentido”.