domingo 12.07.2020

Os traballadores de Alcoa cortan a fronteira con Asturias

Centos de persoas acoden á mobilización convocada en Ribadeo para denunciar os despedimentos na planta de aluminio de Cervo

Protesta dos traballadores de Alcoa en Ribadeo (Nós Diario)
Protesta dos traballadores de Alcoa en Ribadeo (Nós Diario)

Unha gran nube de fume negro dividía este domingo os territorios da Galiza e Asturias. A orixe estaba nunha gran barricada que formaron na autoestrada A-8 os traballadores de Alcoa, que convocaron a centos de persoas nunha gran mobilización en Ribadeo.

As traballadoras seguen así coas protestas após de que a multinacional lles comunicase a semana pasada o despedimento de máis de 500 traballadores da planta de aluminio primario. Con elas, exixen aos gobernos da Xunta e do Estado español que busquen unha alternativa que garanta a continuidade dos seus postos de traballo, vitais para a economía da comarca.

 

"A Mariña lucense non ten outra industria que se poida equiparar á fábrica de Alcoa", advertiu o presidente do comité de empresa da factoría de Cervo, José Antonio Zan, e precisamente por este motivo a comarca enteira mobilizouse para paralizar a autovía e formar unha gran barricada que cortou a A-8 en ambos os sentidos durante as primeiras horas do mediodía deste domingo.

Para os afectados, o peche da factoría sería letal para esta zona da provincia de Lugo, xa que despois da propia industria, as empresas que máis empregos xeran son as súas propias contratistas. "Todo o mundo" vive deste sector, engadiu o presidente. Este 1 de xuño os traballadores de Alcoa San Cibrao volverán reunirse para avaliar novas medidas de protesta, avanzou Zan.

comentarios