CIG mobilízase contra a intención do PP de “apagar” a ILP por unha tarifa eléctrica galega

Concentrarase diante do Parlamento o 4 de decembro para reclamar que se respecte o contido da iniciativa, apoiada por máis de 18.000 sinaturas, máis de 50 concellos –entre eles os de seis das sete grandes cidades- e tres deputación: Pontevedra, Lugo e A Coruña. Vídeo no interior.

Luz eléctrica

A CIG anuncia mobilizacións contra o que considera unha anulación, de facto, da ILP por unha tarifa eléctrica galega. Unha iniciativa que chegou ao Parlamento vai para dous anos apoiada pola sinatura de máis de 18.000 persoas, máis de 50 concellos –entre eles os de seis das sete grandes cidades- e tres deputación: Pontevedra, Lugo e A Coruña. O sindicato nacionalista chama a unha concentración esta segunda feira, 4 de decembro, diante do Parlamento. Considera que o Partido Popular está “baleirándoa de contido”.

Hai uns días, o portavoz do Partido Popular, Pedro Puy, manifestaba que unha tarifa eléctrica galega é “xuridicamente inviábel”. Unha declaración que para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, é de especial gravidade porque é “falsa” toda vez que tanto a lexislación como os servizos xurídicos da propia cámara sosteñen o contrario. Lembra que o artigo 3 da Lei 7/2015, de 7 de agosto, de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá de Galiza establece que “quedan excluídas da iniciativa lexislativa popular as non atribuídas á competencia da comunidade autónoma”. Para que a ILP por unha tarifa eléctrica galega puidera ser admitida a trámite polo Parlamento tiña que cumprir ese requisito e que ademais, e a petición do propio Partido Popular, tivo que pasar até en tres ocasións máis polos servizos xurídicos da cámara. “En todas dixeron que si era competencia e así llo lembramos cando nos entrevistamos con eles”, afirma.

Para o sindicato nacionalista estamos perante unha “actitude antidemocrática” do PP por “anular a vontade popular expresada a través dunha ILP, renunciando así a que as galegas e os galegos poidamos beneficiarnos dos nosos recursos”.

Comentarios