Feixoo adopta o discurso de Vox e considera agora a violencia vicaria "violencia intrafamiliar"

Rolda de prensa desta quinta feira do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: David Cabezón)
Hai menos dun ano, o Parlamento galego aprobou unha lei que recoñece a violencia vicaria como machista, co voto a favor do mesmo Partido Popular que hoxe contradí a súa postura.

O aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, defendeu nesta quinta feira que a violencia vicaria pode ser considerada como violencia intrafamiliar, no canto de violencia machista. Como exemplo, identificou como caso de violencia doméstica que un home que teña "un problema coa súa parella" mate os seus fillos para facerlle o maior dano posíbel.

"Iso non é violencia machista, iso é violencia doméstica", insistiu o presidente galego na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, preguntado polas declaracións do conselleiro de Sanidade andaluz, Jesús Aguirre, quen se mostrou máis partidario de utilizar o termo "violencia intrafamiliar" que o de violencia machista. Postura moi semellante á que defende a extrema dereita española, encabezada por Vox. 

As palabras do candidato a dirixir o Partido Popular (PP) a nivel estatal seguen a liña marcada tamén polo presidente interino de Castela e León, Alfonso Pérez Mañueco, quen despois de chegar a un acordo de Goberno cos ultraespañolistas -un pacto auspiciado polo PP- referiuse á violencia machista como "violencia doméstica e intrafamiliar".

O dirixente popular afirmou que "xa temos problemas suficientes para montar máis dos necesarios", en relación á definición da violencia vicaria, a pesar de que o Parlamento galego aprobou hai menos dun ano unha lei que recoñece a violencia vicaria como machista.

Lei de violencia machista na Galiza

No texto legal aprobado en xullo de 2021 polo Parlamento, co voto a favor do Partido Popular, outórgaselle a condición de vítimas de violencia machista a todas aquelas mulleres cuxo agresor actúa contra os seus fillos e fillas para lles facer dano. Porén a lei galega vai máis aló e concede o mesmo recoñecemento cando a agresión, física ou psicolóxica, sexa con calquera persoa do seu ámbito máis íntimo. 

A proposta do Bloque Nacionalista Galego, que contou co voto unánime a favor do Partido Socialista (PSOE) e do PP de Feixoo, incluía dentro do concepto de violencia de xénero a violencia vicaria, entendida esta como "o homicidio, asasinato ou calquera outra forma de violencia" exercida sobre os fillos da muller ou sobre calquera outra persona "estreitamente unida a ela", coa finalidade de causarlle o maior dano por parte de quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou mantivese unha relación análoga, aínda sen convivencia.

A reforma da lei galega de violencia de machista atendeu unha vella demanda do feminismo galego, xa que ademais de ampliar os delitos de violencia de xénero tamén introduciu cambios que afectan ás prestacións de atención psicolóxica, económica e legal ás que poden acceder as mulleres vítimas desta violencia.