Sesión de control

Feixoo desbota a proposta do BNG para abaratar a luz e acúsaos de querer “vivir cun candil”

A suba da factura da luz e unha tarifa eléctrica galega centraron un debate parlamentar no que tamén se puxo sobre a mesa o deficiente financiamento municipal por parte da Xunta.

Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda, no Parlamento galego (Foto: Arxina)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda, no Parlamento galego (Foto: Arxina)

Xuño vai camiño de marcar récord no encarecemento do prezo da factura da luz, unha cuestión que volve con perioricidade á axenda social e política. Esta cuarta feira foi no Parlamento galego, na sesión de control ao presidente. A portavoz nacionalista Ana Pontón instou o presidente a aclarar se o Goberno galego tiña algunha medida ou proposta a respecto desta escalada na factura eléctrica, “que afecta familias e empresas”, e puxo sobre a mesa o que propón o nacionalismo: unha tarifa eléctrica galega (TEG).

Para Feixoo, a TEG, porén, é un simple “slogan”, como a cualificou na Cámara. O presidente non explicou ningunha medida ou proposta do seu Executivo para paliar esa suba no prezo da luz mais si que se dedicou a deostar a que presentaba o BNG. E non sen antes acusar os nacionalistas de ser responsábeis da suba da factura. “A enerxía aumentou entre o ano en que chegou Zapatero e o que marchou nun 93% e vostedes foron cómplices”, dixo.

Pontón sinalou que non é entendíbel un país “rico en electricidade” non se beneficie desa situación. Pediu unha tarifa propia para Galiza que permita abaratar o prezo a familias e empresas no noso país. E lembrou que esa tarifa diferenciada existe en non poucos estados: Alemaña, Reino Unido, Dinamarca, Suíza...

“Por que Galiza non pode ter unha tarifa diferenciada? Hai 2 respostas: que as eléctricas mandan máis que os Gobernos e o centralismo”, manifestou a portavoz nacionalista, que insistiu nos custos ambientais e territoriais que paga Galiza (encoros, parques eólicos...) sen que haxa reversión ou beneficios para a poboación.

Mais Feixoo mantívose nas súas: a TEG responde a un “nacionalismo arcaico” e é inviábel. Pontón lembroulle que esa tarifa diferenciada existe en non poucos estados europeos e lamentou que ante un problema que afecta tanta xente como a suba da luz “o presidente se limite a vir aquí a atacar a única proposta que hai”. Entón Feixoo redobrou o ataque ao BNG: “Se por vostedes fose non habería encoros, non habería eólicos” pois o que queren, dixo, é vivir “nun país cun candil”.

Concellos

A outra cuestión que tivo que responder o presidente na sesión de control foi a formulada por Gonzalo Caballero (PSdeG) e que se centrou nas eivas no financiamento pola Xunta dos concellos.

O socialista acusou Feixoo de “antimunicipalismo”  e lamentou que haxa unha ‘discrecionalidade’ no reparto aos concellos. Incidiu en que os municipios van ser claves na reactivación económica e que nestes meses de pandemia tiveron que asumir funcións que non lle correspondían.

“É hora dunha nova política local”, sinalou Gonzalo Caballero, instando a Xunta a non “asfixiar” máis economicamente aos municipios.

Porén, o mandatario galego volveu tirar de repertorio habitual e indicou que quen afoga economicamente os concellos é o Goberno estatal.

Comentarios