O debate enerxético

Alemáns, británicos e suízos si entenden unha tarifa eléctrica galega

 “Ningún español o entendería”. Con esta frase desbotou Núñez Feijóo unha tarifa eléctrica propia para Galiza. Afirmaba, aliás,  que a tarifa tiña que ser homoxénea dentro dun mesmo estado. Hai en Europa abondo exemplos que refutan as palabras do presidente da Xunta, de Alemaña a Reino Unido ou Suíza.

Luz eléctrica
photo_camera Luz eléctrica

A proposta dunha tarifa eléctrica galega non gosta a Feijóo, embora Galiza exportar máis menos 40% da enerxía que transforma  e apandar cos impactos negativos e os prexuízos do punto de vista social e ambiental da actividade (encoros, eólicos...). Malia isto, o presidente considera que o noso país non debe ter unha compensación (ou vantaxe) en forma de tarifa propia. E por que non? Pois, dixo, “porque ningún español o entendería”. Núñez Feijóo completou o seu argumento aseverando que a tarifa eléctrica debía ser a mesma para todo o estado. Porén, isto non ten por que ser así. De feito, no estado español é así desde unha decisión de Franco en 1951, antes a tarifa mantiña diferentes prezos a nivel xeográfico.

E, xa na actualidade, a realidade do estado español (unha tarifa única para todo o estado) non é a norma común. Polo menos en estados como o alemán, o suízo ou o Reino Unido, onde hai tarifas diferentes en función dos territorios, tal e como estudou o economista Aleixo Vilas.

A tarifa única para todo o estado español foi algo que se impuco por orde de Franco, en 1951

Así, en Suíza hai uns 800 operadores e 700 empresas de subministro de electricidade, moitas delas públicas que pertencen a concellos. As tarifas neste país varían segundo territorios en base a unha serie de factores: desde a topografía da zona de abastecemento até a rede rexional de distribución.

No Reino Unido hai 14 áreas de subministro de electricidade en distintos prezos. Non existe unha tarifa regulada para todo o estado británico, embora que si o estean as taxas de transporte e distribución. Hai 18 compañías comercializadoras ou subministradoras, 4 que operan na rede de transporte e 6 nas de distribución.

E en Alemaña? Aquí hai unha tarifa básica ou de atención primaria regulada polo goberno. Mais as tarifas non son uniformes para todo o estado, dependendo dos custos de rede e singularidades produtivas de cada rexión.

Tarifa única, con Franco

A tarifa eléctrica única para todo o Estado foi imposta por Franco en 1951. Até entón a tarifa mantiña diferentes prezos a nivel xeográfico. O goberno franquista comeza a realizar as primeiras grandes obras (encoros, pantanos...) para incrementar a produción eléctrica. Nesta dinámica, “especializan” territorios  para ser produtores de electricidade, como é o caso da Galiza. No ano 1961, Galiza chegou a exportar 76,6 por cento da electricidade producida.

 ILP paralizada

No Parlamento galego leva parada desde hai un ano a iniciativa lexislativa popular (ILP) apresentada pola CIG. Avalada por 18.000 sinaturas e co apoio de máis de 50 concellos (entre eles, 6 das 7 principais cidades do país) e 3 deputacións, solicitaba unha tarifa eléctrica galega. O sindicato lembraba que o sector enerxético está regulado a nivel de estado e que se fixa unha tarifa única que inclúe toda unha serie de peaxes que teñen que ver co transporte e distribución desa enerxía. Peaxes que tamén se pagan na Galiza embora se xerar a enerxía no noso país (que exporta 40% do que producimos). En 2013, cando se aprobou a Lei de Enerxía, o goberno vasco asinou un acordo co PP que estabelece unha condición específica para Euskadi en relación coas redes de alta tensión que abarata a enerxía.

Comentarios