O Goberno español renuncia á súa proposta de limitar a 180 euros/MWh o prezo da luz

"Seguimos traballando co resto de socios comunitarios nun mecanismo para evitar que o prezo do gas afecte ao prezo da electricidade en toda a UE", insisten desde o Miteco.
O presidente do Goberno español. Pedro Sánchez. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno español. Pedro Sánchez. (Foto: Europa Press)

O Goberno español decidiu finalmente desbotar a súa proposta de limitar a 180 euros/MWh o prezo da luz, segundo confirmaron fontes do Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco) a Europa Press, e traballa agora en medidas alternativas para amortecer o impacto da suba da electricidade na economía e protexer as vivendas e os sectores máis expostos a esta espiral de prezos.

A pesar de que cando a vicepresidenta Teresa Ribera, responsábel de Transición Ecolóxica, foi preguntada ao respecto a semana pasada, indicou que era unha das propostas que se barallaban e explicou en que consistiría, as propias fontes do Miteco sinalan que non detallou moitos dos seus elementos fundamentais, entre outros aspectos porque as negociacións seguen abertas co resto de socios da Unión Europea (UE).

"Seguimos traballando co resto de socios comunitarios nun mecanismo para evitar que o prezo do gas afecte ao prezo da electricidade en toda a UE", insisten desde o Miteco.

O estabelecemento dun tope de 180 euros/MWh no mercado maiorista comezou como unha proposta conxunta co Goberno portugués, dada a interconexión de ambos os mercados, pero finalmente quedou descartado. Agora, os Gobernos que forman parte da Unión Europea traballan en alternativas de cara á reunión do Consello europeo desta semana.

O caso de Portugal

Mentres que a Galiza fechou o mes de febreiro cunha inflación de case 8%, Portugal fechou o mesmo período cunha inflación de 4,2%, case a metade da rexistrada no noso país.

Unha das causas desta diferenza no aumento de prezos é que o Estado luso, a través da Entidade Reguladora de Servizos Enerxéticos (ERSE), estabelece un prezo fixo durante o ano, aínda que pode revisarse á metade do exercicio se as previsións non se axustan ás do regulador, pero estas modificacións son lentas e prodúcense ao longo do tempo.

Ademais, a fixación do prezo da enerxía prodúcese antes de que varíe o mercado grosista, mentres que no Estado español faise despois e case a tempo real, o que xera fortes flutuacións. Isto fai que, con respecto a 2020, o prezo da electricidade manteña agora uns niveis similares, claro que daquela pagaban un dos prezos máis caros. 

No que atinxe aos carburantes, alí os impostos representan 64%, do prezo final fronte a 45% no Estado español. Porén, estabelécense como unha cota fixa por litro e non se aplican sobre o prezo final, como acontece aquí co imposto do valor engadido (IVE). Isto fai que a suba do prezo do petróleo nos mercados non inflúa tanto no prezo final e, polo tanto, non se reflicta tanto na inflación nin nos custos enerxéticos do resto de sectores.

Comentarios