xoves 16.07.2020

Feixoo dá orde para compensar a sanidade privada con aínda máis derivacións

“Dixéronnos que nos afixésemos a ficar sen 'peonadas', que era unha decisión política que viña de arriba, porque había que compensar a sanidade privada polas perdas ocasionadas pola COVID-19”. Nós Diario tivo acceso ao testemuño dunha persoa que participou nunha das reunións convocadas polas xerencias das áreas sanitarias para organizar a actividade asistencial de cara aos próximos meses, nos que se prevé que o peso do sector privado sexa aínda maior do que xa é.
Feixoo (á esquerda), con Pedro Puy, nun acto electoral a pasada fin de semana onde presentou un lema que agocha as siglas do Partido Popular. (Foto: Arxina).
Feixoo (á esquerda), con Pedro Puy, nun acto electoral a pasada fin de semana onde presentou un lema que agocha as siglas do Partido Popular. (Foto: Arxina).

Axudas do fondo autonómico sanitario. Isto é o que pediu esta semana á Xunta da Galiza a patronal da sanidade privada a través da Alianza da Sanidade Privada Española e da Asociación de Hospitais da Galiza (Ahosgal) -que integra os grupos Quirón, HM, Vithas, Povisa, Cosaga e Polusa, entre outros- en compensación polas perdas derivadas da crise da COVID-19. Na Galiza “100% dos hospitais víronse na obriga de contratar persoal adicional, mentres descendían as intervencións cirúrxicas (82%), as probas diagnósticas (77%), as urxencias (75%) e as consultas (68%) pola desprogramación asistencial ordenada polo Sergas”, recollen nun comunicado de prensa, no que non se pronuncian a respecto de medidas denunciadas polos sindicatos en empresas como HM, que convidaba os traballadores e traballadoras a coller as vacacións durante o pico da pandemia e a optar por permisos ou suspensións de emprego e soldo

A patronal da sanidade privada calcula que nos dous primeiros meses do estado de alarma, os centros privados perderon o 80% da actividade, o que representa uns 40 millóns de euros. Os últimos datos dispoñíbeis, de Ahosgal, indican que os hospitais privados facturaron en conxunto 326 millóns de euros en 2018. Malia a instrución 6/2020 do Sergas, a Xunta apostou pola instalación de hospitais de campaña -que finalmente non foron empregados- mentres deixaba sen uso as infraestruturas privadas. Calcula que ficaron libres durante o pico da pandemia o 40% das camas e unhas 79 prazas UCI, con posibilidade de sumarlles outras 52. Nesas semanas, falecían en residencias de maiores, sen seren ingresadas, un mínimo de 132 persoas, segundo os datos oficiais fornecidos pola Consellaría de Sanidade.

Aínda que a Xunta da Galiza non o confirmou de maneira oficial, xerencias de áreas sanitarias nas que se organiza o sistema galego avisaron xefaturas de servizo para advertilas de que reducirían as peonadas -termo co que se denomina a realización de actividade clínica fóra da xornada ordinaria do persoal sanitario- en quirófanos nos próximos meses. A razón: o incremento das derivacións a centros hospitalarios privados.

“Dixéronnos que nos afixésemos a ficar sen peonadas, que era unha decisión política que viña de arriba, porque había que compensar a sanidade privada debido ás perdas ocasionadas pola COVID-19”. Así o explica a Nós Diario unha das persoas que participou nunha das reunións convocadas para organizar a actividade asistencial de cara aos próximos meses. “Previamos que se incrementase a actividade polas tardes, debido á parálise que supuxo o coronavirus, mais vemos que xa se están a derivar de forma masiva pacientes a centros privados”, afirma esta mesma fonte. O Sergas, preguntado por este medio, eludiu ofrecer a súa versión.

As portas xiratorias: PP e sanidade privada

A relación do PP coa sanidade privada ten nomes e apelidos. De feito, a carreira profesional do conselleiro de sanidade, Jesús Pérez Almuíña, está ligada a Povisa, onde traballou como coordinador dos servizos de arquivo e documentación clínica e de atención ao paciente. Tamén foi xefe do servizo de recepción e xestión de pacientes e médico nas Urxencias do citado hospital, tal e como informa o seu currículum, que pode consultarse na páxina web do Sergas. 

A maioría dos hospitais privados que operan na Galiza están en mans de grupos sanitarios foráneos, agás os casos do San Rafael, na Coruña, Juan Cardona, en Ferrol, Cosaga e O Carme, en Ourense, e Polusa e Nosa Señora dos Ollos Grandes en Lugo. A accionista de referencia de HM (Hospitales Madrid) é a familia Abarca Cidón, favorecida pola política de concesións dos Gobernos do PP na Comunidade de Madrid.

Outro dos xigantes do sector, o grupo Vithas, está tamén presente na Galiza, a través da clínica Nosa Señora de Fátima de Vigo.  Ademais, a multinacional alemá Fresenius, primeiro operador sanitario privado de Europa e do Estado español, controla a través de Quirón Salud o antigo hospital Santa Teresa da Coruña e mais o Miguel Domínguez de Pontevedra, a onde o Sergas deriva centos de pacientes da área sanitaria de Vigo. O xefe de Medicina Interna deste hospital pontevedrés é o portavoz do PP no Concello, Rafael Domínguez. Mar Vélez é a directora médica desde 2016, despois de ocupar altos cargos no Sergas. Ocupouse da xestión e coordinación de toda a actividade asistencial da área sanitaria de Vigo de abril de 2013 a novembro de 2015.

(Podes ler o artigo íntegro no teu Nós Diario de hoxe, á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)

comentarios